Viveiro activa os descontos na taxa de lixo para os negocios

AMariñaXa
O Concello de Viveiro informa do procedemento a seguir para solicitar a devolución-compensación en concepto de taxa de recollida de lixo
10 Maio 2021

O Concello de Viveiro informou do procedemento a seguir para solicitar a devolución-compensación en concepto de taxa de recollida de lixo e prestación patrimonial non tributaria dos servizos de abastecemento domiciliario de auga potable, sumidoiro, depuración de augas residuais e demais servizos, consecuencia da ORDE de 26 de xaneiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica.

Poderán beneficiarse desta axuda todos aqueles negocios que se viran afectados polo peche temporal da hostalería no período comprendido entre o 27 de xaneiro e o 25 de febreiro.

A solicitude debe realizarse presentando o modelo normalizado que poderá recollerse na Oficina do Rexistro ou descargarse a través da web municipal. Aos efectos de aplicación nos próximos trimestres recoméndase a presentación de solicitudes antes do 31 de maio de 2021.

Xunto coa solicitude, debe achegarse documento de alta no IAE e declaración responsable relativa ao peche do establecemento no período referenciado (27 de xaneiro ao 25 de febreiro). Esta declaración responsable debe presentarse segundo o modelo facilitado ao efecto tanto no Rexistro como na web municipal.

A devolución-compensación dos importes correspondentes polo peche temporal referido aplicaranse en próximos trimestres. Dende o goberno municipal considérase que esta é unha medida máis que contribuirá a paliar as consecuencias económicas da crise derivada da COVID -19 ao sector da hostalería, que está véndose especialmente afectado polas medidas e limitacións impostas.

Finalmente, infórmase que a Xunta de Galicia estableceu unha exención do pagamento do canon da auga para os consumos de auga correspondentes aos períodos de facturación comprendidos entre o 5 de novembro de 2020 e a data en que se levante a declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da xunta do 13 de marzo de 2020.

Estas exencións poden ser solicitadas polos seguintes establecementos: restaurantes, salóns de banquetes, cafetarías, bares, salas de festas, discotecas, pubs, cafés espectáculo, furanchos, hoteis, balnearios, aloxamentos turísticos e albergues turísticos. Para solicitar esta exención deben contactar con Viaqua.

0.19314098358154