Viveiro activa o programa “Ocio por Nadal 2025” para facilitar a conciliación e promover o lecer saudable

AMariñaXa
A iniciativa, con 60 prazas dispoñibles, desenvolverase do 22 ao 26 de decembro no pavillón Antonio Tarrío e inclúe un proceso de inscrición aberto entre o 9 e o 12 de decembro
Viveiro-decoracion-Nadal-2021-(8)
5 Dec 2025

O Concello de Viveiro impulsará a partir do 22 de decembro unha nova edición do programa municipal “Ocio por Nadal 2025”, unha proposta destinada a nenos e nenas de Educación Primaria que busca ofrecer unha alternativa de lecer activa durante as vacacións. A finalidade é favorecer a convivencia, promover hábitos saudables e facilitar a conciliación das familias no período non lectivo.

As sesións desenvolveranse entre o 22 e o 26 de decembro, en horario de 10.00 a 13.30 horas, no pavillón Antonio Tarrío, onde se programarán dinámicas adaptadas ás capacidades dos participantes. En total, habilítanse 60 prazas, reservadas para menores que conten cun nivel suficiente de autonomía para participar nas actividades previstas.

O Concello abrirá o prazo de inscrición do 9 ao 12 de decembro. No caso de que non se cubran todas as prazas, o período prolongarase ata que se esgoten. As solicitudes deberán ser formalizadas por un proxenitor ou titor legal a través da sede electrónica, no Rexistro Xeral ou a través dos procedementos oficiais dispoñibles.

Os formularios de inscrición estarán dispoñibles na conserxería do Concello, na oficina da OMIX e tamén na páxina web municipal. Será necesario achegar a documentación establecida nas bases, entre ela o DNI da persoa responsable e a tarxeta sanitaria do menor.

Se o número de solicitudes supera a oferta dispoñible, procederase á realización dun sorteo público, tras o cal se publicarán tanto a listaxe definitiva de admitidos como a correspondente lista de agarda nos lugares habituais.

A alcaldesa, Mariña Gueimunde, destacou que se trata dun recurso “que permite ofrecer unha alternativa de calidade ás familias durante as vacacións, ao tempo que promove valores de convivencia, participación e hábitos saudables entre a nosa infancia”.

⚙ Configurar cookies
0.076326131820679