Viveiro activa o proceso para tramitar as subvencións nominativas a asociacións e clubs deportivos

O Concello de Viveiro vén de enviar ás asociacións e clubs deportivos da localidade as comunicacións relativas ás subvencións nominativas recollidas no orzamento municipal de 2025. O obxectivo é que presenten a documentación necesaria para a súa tramitación no prazo máximo de cinco días.
As entidades deberán entregar a solicitude de subvención nominativa, o orzamento detallado dos gastos previstos entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2025, así como a concreción da actividade dentro do concepto previsto nas contas municipais. Unha vez recibida toda esta documentación, o Concello procederá á sinatura dos convenios de colaboración correspondentes e ao aboamento das achegas.
A alcaldesa, Mariña Gueimunde, destacou que “estas subvencións nominativas son unha ferramenta fundamental para apoiar o labor das nosas asociacións e clubs deportivos, que realizan un traballo moi importante a nivel social, cultural e deportivo”. Engadiu tamén que “desde o Concello queremos facilitarlles os recursos necesarios para que poidan desenvolver as súas actividades e contribuír así ao dinamismo e á cohesión do noso municipio”.