Viveiro acometeu nove obras no primeiro tramo do mandato
O Concello de Viveiro puxo en marcha nos primeiros catro meses do actual mandato municipal un total de nove obras para mellorar diferentes infraestruturas no centro urbano e nas parroquias, así como os servizos básicos que utilizan os veciños e veciñas.
O orzamento destinado a estas actuacións alcanza os 628.667 euros e as partidas derivan de convenios e acordos asinados polo concello coa Deputación de Lugo (Plan Único), a Xunta e outros organismos autonómicos como a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e a Axencia Galega de Turismo.
“Traballar cada día para mellorar o benestar dos nosos veciños é un compromiso para este grupo de goberno, as obras de reforma e renovación dos servizos básicos continuarán durante todo o mandato”, asegura a alcaldesa, María Loureiro.
Das nove obras, dúas xa finalizaron, en concreto a recuperación do Mirador de Monte Faro (38.203 euros) e a reposición de pavimentos e servizos existentes entre o número 16 e o Colexio San Roque da av. Benito Galcerán (43.359 euros).
Outras catro actuacións están a día de hoxe en execución: a reposición do firme e a dotación de servizos de saneamento, pluviais, abastecemento e alumeado público no Camiño Vello (94.687 euros); a reforma da instalación eléctrica e o alumeado no campo de fútbol municipal (46.240 euros); a reposición das beirarrúas e o firme da rodadura entre os números 10 e 16 da avenida de Vilalba (32.117 euros), e a ampliación da rede de saneamento no lugar de Toxeiras, Landrove (54.974 euros).
Dous dos traballos cemezarán nos próximos días, a reposición do firme en varios camiños e pistas nas parroquias (79.087 euros) e a substitución do pavimento deportivo no pavillón municipal (134.000 euros). A novena actuación está en prazo de presentación ofertas e será para repoñer o firme na pista de Sobrado-Pousadoiro (A Cambela), cun orzamento de 106.000 euros.
“Escoitamos as demandas da cidadanía e actuamos, dando o mesmo trato a todos os veciños e renovando tamén as dotacions que máis utilizan os milleiros de persoas que nos visitan cada ano”, engade a alcaldesa.