Viveiro acometerá unha obra urxente para substituír un tramo deteriorado da rede de saneamento en Celeiro

O Concello de Viveiro levará a cabo nas próximas semanas unha actuación de mellora na rede de saneamento de Celeiro, destinada a substituír un tramo moi deteriorado que discorre polo interior dunha finca privada. A intervención foi cualificada como “urxente e necesaria” pola alcaldesa, Mariña Gueimunde, quen explicou que o obxectivo é “resolver definitivamente un problema que leva anos xerando queixas veciñais e que podería chegar a afectar tamén á estrada”.
Segundo o informe técnico de Viaqua, empresa concesionaria do servizo, o conduto de formigón presenta fendas lonxitudinais e transversais, un deterioro avanzado e perda de estanquidade, o que fai inviable a súa reparación. Por este motivo, recoméndase a substitución completa da canalización e o cambio do seu trazado.
O novo proxecto prevé eliminar o tramo que atravesa a finca privada e trasladalo aos límites da propiedade, co fin de facilitar o mantemento e previr novas incidencias. A actuación tamén permitirá mellorar o rendemento global da rede, protexer o terreo e evitar posibles afeccións á vía pública.
A obra financiarase inicialmente con fondos propios municipais, aínda que o Concello estuda un convenio con Augas de Galicia para compartir o investimento. “É unha actuación prioritaria para garantir o bo estado das infraestruturas e a seguridade en Celeiro”, destacou Gueimunde, lembrando que esta cuestión “preocupaba tanto aos veciños como ao propio Concello desde hai anos”.
Esta intervención enmárcase no plan municipal de mellora progresiva das redes de saneamento e abastecemento, centrado en actuacións que repercuten directamente no benestar veciñal e na conservación do dominio público.