Viveiro acomete melloras no Paseo do Landro para garantir a seguridade e frear o deterioro da estrutura

O Concello de Viveiro está a levar a cabo nestes días unha serie de intervencións no Paseo Fluvial do Río Landro co obxectivo de corrixir o deterioro detectado na estrutura e asegurar a protección das persoas usuarias. A actuación céntrase, sobre todo, na pasarela de madeira, que viña amosando signos de desgaste e danos provocados tanto polo uso continuado como por actos vandálicos.
Estes traballos forman parte dun conxunto de medidas anunciadas nas últimas semanas polo goberno local, que decidiu actuar con urxencia ante o empeoramento do estado da infraestrutura. Entre as accións emprendidas figuran a substitución de táboas danadas, labores de mantemento e revisión en detalle dos treitos máis fráxiles da pasarela.
Desde o Concello insístese na importancia de coidar este espazo emblemático, moi frecuentado pola veciñanza e por visitantes, e lémbrase que o bo estado do Paseo do Landro depende tamén da implicación cidadá. “Este tipo de infraestruturas non se manteñen soas. Precisamos da colaboración de todos para preservalas e garantir a súa funcionalidade e seguridade”, sinalan desde o executivo municipal.
A alcaldesa Mariña Gueimunde destacou que “estas reparacións eran imprescindibles. Desde o Concello temos claro que o Paseo do Landro debe seguir sendo un lugar seguro, accesible e ben conservado, e por iso continuaremos traballando nesa liña”.
Gueimunde tamén quixo lembrar que o paseo está pensado unicamente para uso peonil, polo que está prohibido o acceso de vehículos de calquera tipo. “O uso indebido deste espazo está acelerando o deterioro da estrutura, algo que non nos podemos permitir. Por iso, apelamos ao sentido común, á responsabilidade e ao civismo de toda a cidadanía”, concluíu a rexedora.