Viveiro acolleu o foro económico “Unha mirada ao futuro de Viveiro e A Mariña”

Máis dun centenar de persoas déronse cita este venres en Viveiro no foro económico “Unha mirada ao futuro de Viveiro e A Mariña”, un encontro organizado pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) coa colaboración da Xunta de Galicia, no marco da iniciativa Conecta Lugo, e o apoio do Concello de Viveiro. O obxectivo da xornada foi analizar as fortalezas e oportunidades de desenvolvemento inmediato da Mariña lucense, especialmente en sectores de alto potencial como o forestal, o turismo e a gastronomía.
A alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, e o secretario xeral da CEL, Jaime López, foron os encargados de dar a benvida institucional ao encontro. López salientou a importancia de manter e reforzar a cooperación público-privada, que definiu como “garantía de éxito sempre”, poñendo como exemplo o propio foro e os avances da iniciativa Conecta Lugo. Segundo explicou, esta plataforma “incrementou exponencialmente o coñecemento das empresas lucenses sobre as axudas do Igape e doutros organismos, favorecendo unha maior concorrencia a estes apoios”. Ademais, lembrou que “A Mariña achega case a metade do PIB da provincia”, polo que considerou fundamental “seguir traballando da man para garantir que o norte continúe sendo un motor esencial da economía lucense”.
O encontro continuou coa intervención titulada “A oportunidade dunha Galicia verde e sustentable”, a cargo de Carmen José López, delegada territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia. A continuación celebrouse a mesa redonda “Os sectores estratéxicos da Mariña: o forestal”, coa participación do catedrático da USC e presidente da Asociación Forestal de Galicia (AFG), Antonio Rigueiro, a empresaria Sara Montero López, de Madeiras Edelmiro López, e José Manuel Tubío Baliño, director de Subministración de Madeira en Pé de ENCE.
Durante o debate, púxose de manifesto que o sector forestal continúa ofrecendo amplas oportunidades para o futuro da Mariña, aínda que tamén afronta importantes desafíos derivados do cambio climático, da escaseza de man de obra e da falta de substitución xeracional. Os participantes coincidiron na necesidade de avanzar cara á superación do minifundio mediante fórmulas de xestión forestal conxunta e valoraron positivamente a prórroga da moratoria do eucalipto.
Pola súa banda, na mesa sobre “O futuro de Viveiro” interviron o CEO de Corpus Services, Pedro M. López Pernas; o director xeral de Electromecánicos Viveiro, José Daniel Cuesta Casas; o CEO de Transportes Valín e Embutidos Montepicato, Eduardo Valín; e o CEO de Medrar Innovation Office, Hugo Criado, que actuou como moderador. Os participantes expuxeron a súa visión sobre o desenvolvemento económico do municipio e coincidiron en sinalar que sectores clave como o turístico e o pesqueiro seguen ofrecendo oportunidades de crecemento, subliñando que nun contexto de transformación e progreso é esencial fortalecer a colaboración público-privada e o acceso a financiamento para avanzar en innovación.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, clausurou o foro destacando que a xornada se concibiu “como un espazo de aprendizaxe e conexión real entre persoas, proxectos e ideas”, reunindo representantes do tecido empresarial, asociativo, universitario e institucional. Lembrou tamén que o IGAPE mobilizará este ano máis de 180 millóns de euros en axudas e créditos brandos para pequenas e medianas empresas, cooperativas e emprendedores, mentres que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinará máis de 40,7 millóns a apoiar preto de 8.700 autónomos galegos.
O programa do foro completouse cunha homenaxe á traxectoria empresarial de máis de 50 anos do Grupo Nito, cuxo fundador, Manuel Balseiro, recibira en 2023 o “Premio Nacional de Hostalaría” como “Empresario Hostaleiro do Ano”, a proposta da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Lugo.