Viveiro acolleu a presentación de ‘Tecendo Redes’, a novela gañadora da cuarta edición do Premio Literario Vilar Ponte
O Concello de Viveiro presentou 'Tecendo Redes', a novela de Irene Rega Jul gañadora da cuarta edición do Premio Literario Vilar Ponte (ano 2022).
Á presentación, no Conservatorio de Musica de Viveiro, asistiron a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; a autora, Irene Rega Jul; Malores Villanueva, da Editorial Galaxia, e Manuel Galdo, de Por Viveiro.
“Estou convencida de que ‘Tecendo Redes’ será un gran éxito editorial, da man ademais de Galaxia, que leva case 75 anos traballando pola cultura e a promoción literaria en Galicia”, destacou María Loureiro, que destacou “a importancia que para o Concello de Viveiro ten este certame de narrativa Vilar Ponte”.
O Premio Literario Vilar Ponte celébrase desde o ano 2018 e só se interrompeu un ano pola pandemia.
Da novela presentada hoxe, ‘Tecendo redes’, destacou no seu momento o xurado “a súa contribución á novela negra galega, aportando unha mirada renovadora ás temáticas clásicas do xénero”.
Unha obra cun elevado ritmo narrativo, unha construción dos personaxes e unha trama que mantén a intriga ata o final.
Por outra banda, o xurado puxo en valor cando elixiu esta novela como gañadora “a escolla de escenarios pouco habituais no xénero, así como o feito de tratar temas e problemáticas da sociedade actual, como o acoso ás mulleres e o maltrato cun enfoque comprometido”.