Viveiro acollerá unhas xornadas inspiracionais para afondar no futuro da súa identidade gastronómica

O Concello de Viveiro converterase o luns 22 de setembro nun punto de encontro para profesionais, entidades e axentes do ecosistema gastronómico e turístico coa celebración das Xornadas Inspiracionais do ADN Gastronómico. A cita, que terá lugar no Teatro Pastor Díaz, desenvolverase baixo o lema «Cociñar o futuro» e pretende abrir un espazo de reflexión, compartir coñecemento e marcar liñas de traballo para consolidar e proxectar a identidade culinaria da vila.
As xornadas, promovidas polo Concello de Viveiro en colaboración con Prato_DO, contarán coa intervención de recoñecidos expertos do panorama gastronómico e cultural. Entre eles figuran Iñaki Gaztelumendi (Spain Culinary Villages), o cronista oficial de Viveiro, Carlos Nuevo, Lucas Requejo (Prato_DO), Silvia Sánchez e Silvia Timón (ADN Sapiens), Iago Pazos (Abastos), Jorge Guitián (Colectivo Gastronómico A Mariña) e Daniel Suárez (Asociación de Emprendimiento Rural Sostenible).
A alcaldesa, Mariña Gueimunde, subliñou que “Viveiro posúe unha identidade gastronómica que forma parte inseparable do noso patrimonio cultural e turístico. Con iniciativas como esta reforzamos a posición da vila como referente e abrimos novas vías de futuro para a economía local e o benestar da veciñanza”.