Viveiro acollerá unha concentración para reclamar máis recursos na atención á diversidade educativa

AMariñaXa
Familias da Mariña mobilízanse no Día Internacional da Educación para denunciar a falta de persoal de PT e AL nos centros públicos
colexio-escola-educacion-nenos
19 Jan 2026

A Praza Maior de Viveiro será escenario este sábado 24 de xaneiro, ás 12.00 horas, dunha concentración convocada con motivo do Día Internacional da Educación para denunciar a insuficiencia de recursos destinados á atención do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE) nos centros públicos da comarca da Mariña.

As familias organizadoras alertan da falta de profesionais de Pedagoxía Terapéutica e de Audición e Linguaxe, unha carencia que, segundo explican, está a provocar situacións de exclusión e desigualdade no ámbito educativo. Denuncian que hai nenos e nenas que non poden participar con normalidade nas actividades escolares, que non reciben os apoios necesarios ou que ven vulnerados os seus dereitos básicos por ausencia de persoal especializado.

Desde a organización subliñan que a atención á diversidade non pode seguir sendo insuficiente, xa que se trata dunha cuestión de dereitos fundamentais e de igualdade de oportunidades. A concentración pretende visibilizar unha realidade que afecta a centos de familias da Mariña e poñer o foco nun problema estrutural do sistema educativo público.

O acto terá un carácter totalmente pacífico e simbólico. As familias participantes están convidadas a acudir cunha mochila baleira por cada neno ou nena afectada, como representación dos apoios e recursos que deberían existir nas aulas e que, segundo denuncian, non están garantidos na actualidade.

Baixo a mensaxe de que a presenza de cada persoa conta, a convocatoria fai un chamamento á participación cidadá para defender unha educación pública inclusiva, digna e con recursos suficientes para todo o alumnado.

⚙ Configurar cookies
0.076682090759277