Viveiro acollerá o luns unha manifestación en defensa da sanidade pública

AMariñaXa
O BNG convida a toda a cidadanía a sumarse á concentración, que terá lugar diante do Centro de Saúde ás 11:30
Xuntos pola nosa sanidade
12 Apr 2026

O BNG anima á sociedade da Mariña a participar no acto conmemorativo do Día Mundial da Atención Primaria convocado por SOS Sanidade e pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña. A concentración, tamén de carácter reivindicativo, terá lugar este luns 13 de abril ás 11:30 horas diante do Centro de Saúde de Viveiro.

Desde a formación nacionalista denuncian que a situación de desmantelamento que sofre a sanidade pública avanzou a pasos de xigante nos últimos anos, acelerándose na comarca desde que hai oito anos o Partido Popular eliminou a Área Sanitaria da Mariña. Esta decisión supuxo, segundo sinalan, unha redución progresiva de servizos que antes se prestaban na contorna, obrigando agora aos doentes a desprazarse a Lugo e, máis recentemente, mesmo a Ferrol.

O responsable comarcal do BNG, Antonio Veiga, advertiu de que “a sanidade pública atravesa unha situación crítica que non é casual nin inevitable, senón que é o resultado dun desmantelamento planificado tras 17 anos de deterioro deliberado por parte do goberno do PP, porque desde a Xunta de Galicia incumpriron a súa obriga de prever, organizar e investir, optando por un modelo que expulsa aos profesionais e desprotexe á cidadanía”.

No que atinxe á Atención Primaria, os nacionalistas aseguran que na comarca está practicamente desmantelada, tanto a nivel de recursos económicos como humanos, con ausencias reiteradas de médicos en numerosos centros de saúde que o Sergas cobre de maneira temporal ou parcial. Sobre esta cuestión pronunciouse a vice responsable comarcal e portavoz en Viveiro, Iria Cotelo, quen afirmou que “esta situación na Mariña e especialmente en Viveiro é insoportable por máis tempo e o PP tén que darse conta de que non poden seguir xogando coa nosa saúde, porque eso é o que está facendo e por riba deso ainda ríndose de nós cada vez que levamos iniciativas ás institucións, coma as que levou ao Parlamento Galego o noso Deputado Daniel Castro”.

Ademais do caso de Viveiro, o BNG lembra a situación que se está a vivir en concellos como O Vicedo, Ourol ou O Valadouro, entre outros, onde —segundo denuncian— o Partido Popular está intentando que a poboación asuma e considere “normal” a redución de facultativos ao 50%. Tamén fan referencia ao acontecido recentemente no Centro de Saúde de Foz, onde o Sergas deixou entrever a posibilidade do peche e a perda das urxencias os sábados pola mañá.

Por todos estes motivos, o BNG fai un chamamento á máxima participación nesta concentración reivindicativa.

0.12056684494019