Viveiro acollerá o III Foro Económico para debater o futuro da comarca e impulsar un modelo produtivo sostible

AMariñaXa
O encontro, que reunirá empresas, administracións e universidade o 25 de outubro, busca fortalecer sectores clave como o forestal, o turismo e a gastronomía
casa-do-concello-de-viveiro
13 Oct 2025

O Concello de Viveiro celebrará o vindeiro sábado 25 de outubro o terceiro Foro Económico “Unha mirada ao futuro de Viveiro e A Mariña”, unha cita que se consolida como espazo de reflexión e diálogo sobre o desenvolvemento económico e social da comarca. O encontro, que terá lugar no Hotel Thalasso Cantábrico Las Sirenas, reunirá representantes do tecido empresarial, das administracións públicas, das entidades asociativas e do ámbito universitario, coa finalidade de analizar o presente e debuxar novas oportunidades para o futuro da Mariña.

A alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, subliñou que este foro “é unha mostra do noso compromiso coa cooperación e coa creación de sinerxías entre todos os axentes que contribúen ao progreso da comarca”. Segundo destacou, a intención do goberno local é poñer en valor os sectores estratéxicos e impulsar proxectos capaces de xerar riqueza e emprego sostible no territorio.

O programa dará comezo ás 10.00 horas coa benvida institucional, á que seguirá, ás 10.15 horas, a intervención titulada “A oportunidade da Galicia industrial, verde e sustentable”, centrada no papel que pode xogar a comarca dentro da transición ecolóxica e produtiva do país.

A partir das 10.30 horas, abrirase unha mesa de debate sobre o sector forestal, moderada por Antonio Rigueiro, na que participarán Sara Montero López (Maderas Edelmiro), José Manuel Tubío (Ence) e o propio Rigueiro en representación da Universidade e da Asociación Forestal de Galicia. O panel analizará as fortalezas e debilidades do sector e proporá liñas de actuación para avanzar cara a un modelo forestal rendible e respectuoso co medio ambiente.

A segunda mesa redonda, titulada “O futuro de Viveiro”, celebrarase ás 12.00 horas baixo a moderación de Hugo Criado, e contará coa presenza de Pedro Manuel López Pernas (Corpus Services), José Daniel Costa (Electromecánicos Viveiro), Eduardo Valín (Transportes Valín e Embutidos Montepicato) e da directora do IGAPE. O debate centrará a atención nas posibilidades de diversificación económica e innovación empresarial como ferramentas para reforzar a competitividade da zona.

O foro pecharase ás 13.00 horas coa intervención da alcaldesa Mariña Gueimunde, que agradecerá a participación dos asistentes antes dun aperitivo de clausura pensado para favorecer o contacto directo entre profesionais e entidades.

O Concello de Viveiro confía en que este terceiro foro se converta “nun punto de encontro estable e produtivo” que permita seguir avanzando cara a un modelo económico equilibrado, sostible e con valor engadido para toda A Mariña.

⚙ Configurar cookies
0.074724197387695