Viveiro acollerá o Ciclocrós Concello de Viveiro o 20 de decembro, puntuable para a Copa Galicia

Viveiro converterase o sábado 20 de decembro nun dos epicentros galegos do deporte ao acoller unha nova edición do Ciclocrós Concello de Viveiro, unha proba oficial que forma parte do calendario da Copa Galicia 2025-2026. A competición desenvolverase en horario de mañá e reunirá deportistas das categorías cadete, júnior, sub-23, élite e máster.
A presentación do evento tivo lugar hoxe e contou coa asistencia da alcaldesa Mariña Gueimunde; do presidente da Federación Galega de Ciclismo, Carlos Muñiz; e do responsable da área de ciclocrós, Alberto Ballester. Os representantes destacaron o valor deportivo e organizativo dunha proba que cada ano atrae a numerosos afeccionados.
A carreira dará comezo ás 11.00 horas, mentres que a recollida de dorsais estará dispoñible a partir das 9.30 horas. O período de inscrición permanecerá aberto ata o 18 de decembro, cun máximo de 250 prazas dispoñibles. As persoas interesadas poden consultar todos os detalles a través da páxina web da Federación Galega de Ciclismo.
Durante a presentación, a rexedora Mariña Gueimunde salientou o impacto positivo do evento para o municipio: "Traer a Viveiro unha proba da Copa Galicia de ciclocrós é un orgullo e unha oportunidade para fomentar o deporte entre os nosos mozos e mozas. Queremos promover hábitos saudables, dar visibilidade ao potencial da nosa comarca e contribuír a dinamizar A Mariña a través dunha modalidade que une natureza, esforzo e vida saudable", afirmou.
Con esta cita, Viveiro reafirma o seu compromiso co deporte e coa promoción de actividades que favorecen a participación, o turismo e o dinamismo social na comarca.