Viveiro acollerá en agosto o programa Veran(e)arte con espectáculos culturais

AMariñaXa
Concello de Viveiro acollerá durante o mes de agosto o programa ‘Veran(e)arte’, con espectáculos culturais pensados para un público familiar
viveiro veran 2021
31 Xul 2021

O Concello de Viveiro acollerá durante o mes de agosto o programa ‘Veran(e)arte’, con espectáculos culturais pensados para un público familiar, con aforos limitados e un cumprimento estrito de todos os protocolos covid-19.

“Apostamos pola cultura segura, como xa fixemos en meses anteriores, cun programa que inclúe actividades por todo o concello para todas as idades e tendo sempre moi en conta a necesidade de extremar as precaucións”, afirma a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.

Terán cabida no programa todo tipo de expresións artísticas, desde circo, maxia, contacontos ou grupos musicias, cunha aposta moi clara pola cultura galega e local.

O programa ten dúas modalidades, unha de espectáculos ao aire libre en espazos como os xardíns Noriega Varela, o parque Pernas Peón, Covas ou Celeiro, e unha segunda con actividades no Teatro Pastor Díaz.

Todas as actividades serán de balde excepto o concerto familiar Yo soy ratón o 30 de agosto no Teatro Pastor Díaz. As charangas programadas actuarán exclusivamente pola mañá e farán parada só no templete da música dos xardíns Noriega Varela.

O teatro, será sempre ás 19.00 horas no Pastor Díaz, e dará comezo o venres 7 coa obra Lope en femenino, unha actividade exclusivamente para público adulto, e seguirá o 18 con Contacreques, o día 19 con Bailando cos contos, o 20 será a quenda de Cartoons e o 28 Olvida los tambores.

Un dos concertos programados, o de Guadi Galego o 16 de agosto no parque Pernas Peón, será inclusivo para a comunidade xorda, polo que estarán dispoñibles as mochilas vibratorias Subpac das que dispón o Concello de Viveiro. A reserva de entradas para este espectáculo comeza o día 3 de agosto. Será de luns a venres de 10.00 a 13.00 horas chamando ao 676 877 799. Só poderán reservarse dúas cadeiras por persoa.

Tamén haberá concerto de música tradicional a cargo de Carapaus o día 12 de agosto, pasarrúas os días 14 e 15, La mala vida o xoves 19 e Sons de Celeiro o 22 de agosto.

Todos os eventos terán aforo limitado e protocolos covid-19, polo que será preciso chegar 30 minutos antes para evitar aglomeracións. Para os espectáculos no Pastor Díaz é necesario reservar entradas no 982 560 162 ou no mail rbg.cultura@viveiro.es

‘Veran(e)arte’ traerá ao Concello concertos da banda de música, teatro infantil, monicreques e contacontos. Haberá só unha actividade exclusivamente para público adulto, a obra de teatro ‘Lope en feminino’, de Antonio Travieso, o día 7 de agosto no Teatro Pastor Díaz.

Pódese consultar a programación completa de teatro e de espectáculos nestes enlaces.

0.19563698768616