Viveiro acollerá campamentos dixitais gratuítos para rapazada de 9 a 17 anos

O Concello de Viveiro continúa apostando pola formación e o lecer da mocidade cunha nova proposta para este verán: os Campamentos Dixitais, unha actividade de balde destinada a nenos e nenas de entre 9 e 17 anos. A iniciativa está promovida pola Fundación Cibervoluntarios e enmárcase no programa estatal CODI – Competencias Dixitais para a Infancia.
Estes campamentos desenvolveranse por semanas ao longo dos meses de xullo e agosto, en horario de mañá, ofrecendo un espazo educativo e lúdico no que os máis novos poderán aprender a empregar a tecnoloxía de maneira segura, creativa e responsable. O obxectivo é reforzar as competencias dixitais nun entorno guiado e motivador, no que tamén se fomentará o pensamento crítico e o uso positivo das ferramentas dixitais.
Aquelas familias interesadas en anotar aos seus fillos ou fillas poden formalizar a inscrición a través da páxina web oficial dos campamentos. Trátase dunha actividade completamente gratuíta que pretende achegar o coñecemento tecnolóxico a toda a mocidade, independentemente da súa situación económica ou localización.
Desde o Concello de Viveiro animan ás familias da vila e da contorna a aproveitar esta oportunidade formativa e lembran que tamén poden solicitar máis información a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX).