Viveiro acolle unha feira e unha representación teatral para promover o comercio xusto

AMariñaXa
O Concello de Viveiro acollerá este xoves 30 de setembro a Feira Comercio con Sentido dende as 12:00 ata as 18:00 unha obra de teatro
comercio xusto feira comercio con sentido viveiro
29 sep 2021

O Concello de Viveiro acollerá este xoves 30 de setembro a Feira Comercio con Sentido dende as 12:00 ata as 18:00 unha obra de teatro o sábado 9 de outubro ás 19:00 para reflexionar sobre a orixe do que consume a cidadanía. Ambas actividades enmárcanse na campaña Aquí e Acolá O Xusto da ONG Solidariedade Internacional de Galicia. 

O comercio xusto é un movemento social que promove as relacións comerciais máis igualitarias para paliar o empobrecemento dos países do Sur Global. Esta causa chega a Viveiro da man de Solidariedade Internacional de Galicia coa fin de seguir espallando a súa mensaxe: “promover unhas relacións comerciais máis xustas entre países respectando os dereitos humanos”. 

No marco da campaña Aquí e Acolá O Xusto, realizarase en Viveiro a feira Comercio Con Sentido, de produtos de comercio xusto, que terá lugar na zona do mercado dos xardíns Noriega Varela este xoves, 30 de setembro, entre as 12:00 e as 18:00. Tamén desfrutarán desta feira catro grupos de alumnas e alumnos do IES María Sarmiento. Os grupos desfrutarán dunha visita guiada de 30 minutos entre as 12:00 e 14:00, coa fin de sensibilizar e aproximar á xuventude de Viveiro o labor que se está a realizar.

As persoas asistentes á feira Comercio Con Sentido poderán achegarse á realidade que existe detrás dalgúns dos alimentos que consumimos no noso día a día como o azucre, o cacao ou o café. A través desta actividade, Solidariedade Internacional de Galicia proporciona información sobre a súa orixe, produción, comercialización, características e variedades, así como dos problemas aos que os produtores e produtoras se enfrontan ata que esta mercancía chega as nosas mans. Ademais os/as asistentes tamén poderán degustar variedades de café, cacao e azucre. 

Á semana seguinte, o sábado 9 de outubro, os veciños e veciñas de Viveiro poderán gozar e aprender coa obra de teatro “Vaia Tea!” que se realizará no teatro Pastor Diaz ás 19:00.  

As entradas estarán dispoñibles a partir do 1 de outubro e poderán conseguirse chamando ao número de teléfono 982 560 162 ou ben enviando unha mensaxe ao correo rbg.cultura@viveiro.es 

Por outra banda, a representación teatral Vaia Tea! da compañía Xucrut Teatre pretende achegar ao público a realidade que existe detrás do consumo de roupa a través do humor e a invitación á reflexión.

0.198970079422