Viveiro acolle un obradoiro sobre innovación en comercio e turismo con presentación de axudas e casos de éxito

O Concello de Viveiro será o escenario dun encontro dirixido a dinamizar o tecido empresarial local a través da innovación. O vindeiro mércores 21 de maio, de 19:00 a 21:00 horas, a sala multiúsos acollerá o obradoiro “Novos modelos de innovación en comercio e turismo”, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia e a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL).
Durante a sesión, os asistentes poderán coñecer en detalle as diferentes liñas de axudas dispoñibles a través do IGAPE e da Oficina Económica de Galicia, orientadas a impulsar proxectos nos sectores do comercio e do turismo. Ademais, presentarase o apoio específico que ofrece a Axencia Galega de Turismo.
O obradoiro incluirá tamén a exposición de casos reais de éxito que exemplifican como a innovación pode transformar e fortalecer negocios nestes ámbitos estratéxicos para a economía galega.
A participación é gratuíta e as persoas interesadas poden inscribirse previamente a través da ligazón.