Viveiro acolle un obradoiro creativo con Cristian F. Caruncho

AMariñaXa
O Colectivo Pensamento e Sementeira ofrece unha actividade gratuíta dirixida a nenos e nenas a partir dos 7 anos para iniciarse na banda deseñada da man do autor de Saínza, a punkiereteira
Ilustracion-Cristian-F.-Caruncho
26 May 2025

O Concello de Viveiro converterase o vindeiro venres 30 de maio nun espazo para a expresión artística máis nova grazas ao obradoiro de ilustración e narrativa gráfica organizado polo Colectivo Pensamento e Sementeira. A cita, que terá lugar a partir das 18:00 horas na Sala Multiúsos do propio consistorio, estará guiada polo ilustrador Cristian F. Caruncho, coñecido pola súa obra Saínza, a punkiereteira, unha banda deseñada que mestura humor, rebeldía e cultura popular.

A proposta está pensada para nenas e nenos a partir dos 7 anos e nace co obxectivo de achegar o mundo da ilustración e do cómic ao público infantil, convidándoos a explorar a súa imaxinación e a experimentar con diferentes formas de contar historias a través do debuxo.

Trátase dunha actividade de balde, mais con praza limitada a 20 participantes, polo que desde a organización recomendan realizar a inscrición canto antes. O proceso é sinxelo: só hai que cubrir o formulario que está dispoñible nas redes sociais do colectivo, onde tamén se pode atopar máis información detallada sobre a sesión.

Desde Pensamento e Sementeira explican que non fai falta ter coñecementos previos nin habilidades especiais: “Só se precisa ilusión por aprender, debuxar e pasalo ben”. O obradoiro pretende ser unha experiencia divertida e enriquecedora para que os máis novos descubran o potencial creativo que levan dentro.

A iniciativa encádrase dentro das actividades culturais e formativas que este colectivo vén impulsando nos últimos anos, cunha clara aposta pola educación artística, o pensamento crítico e a participación da infancia nos espazos culturais do municipio.

⚙ Configurar cookies
0.16356611251831