O músico e cantante Magín Blanco actúa en Viveiro
O Concello de Viveiro acolle este sábado 21 de outubro, o espectáculo ‘O que levamos nas maletas’, do músico e cantante Magín Blanco, para público a partir de 3 anos. Será ás 12.00 horas na sala multiusos do Concello.
A actuación forma parte do ciclo ‘Ler Conta Moito’ da Biblioteca Municipal de Viveiro. Estaba prevista inicialmente para o día 7 de outubro, pero un accidente sufrido polo artista obrigou a adiar a data ao día 21.
A concelleira de Cultura de Viveiro, Lara Fernández Fernández-Noriega, destaca que, con esta actividade, o Concello “continúa coa súa aposta por promover a lectura dende a infancia dun xeito divertido á vez que educativo
Con esta actuación, o Concello comeza coa conmemoración do Día das Bibliotecas, que terá lugar este martes como cada 24 de outubro. Fernández Fernández-Noriega sinala que “a biblioteca pública de Viveiro é un referente para os veciños e as veciñas e sobre todo para os máis pequenos”.
Ademais, organizarán visitas guiadas dos centros educativos, xa que é “moi importante continuar con este labor de divulgación entre a cativada para dar a coñecer estas instalacións tan marabillosas das que dispoñemos”, destaca a concelleira.