Viveiro acolle o día 28 unha gala de maxia
O Teatro Pastor Díaz, de Viveiro, acollerá unha gala de maxia o 28 de decembro, xoves, ás 20.30 horas. Actuarán os magos Rafa, Dani Polo, Nano Arranz e Josua Kenneth.
Mago Rafa é un ilusionista nado en Lugo que leva máis de 25 anos traballando con dous obxectivos comúns: divertir e sorprender.
Dani Polo é o mago máis premiado de Galicia internacionalmente. Destaca pola maxia das grandes ilusións: caixas de aparición, desaparicións e levitacións de persoas.
Nano Arranz é un mago de Valladolid que combina o humor e a maxia. Apto para todos os públicos. Humor orixinal, sutil, e irónico, baseado na palabra e en efectos de son e xogos vistosos e asombrosos para todas as idades.
Josua Kenneth é un mago que creou un precioso número que non para de recibir premios alá por onde se presenta. En 2022 gana o 1º Premio no Magic Valongo, un certame internacional de ilusionistas celebrado en Portugal; e en 2023 leva a casa o prestixioso premio Frakson, outorgado polo Círculo Máxico de Madrid. Actualmente traballa como encargado no Museo de Maxia Kiko Pastur, en Santiago de Compostela.
As entradas para asistir a esta gala están a venda de luns a xoves no teléfono 982 560 162 en horario de 9 a 14.00 horas, no correo electrónico rbg.cultura@viveiro.es e tamén na taquilla do teatro desde unha hora antes da función.