Viveiro acolle hoxe a marcha popular ‘En Negro contra as Violencias’
O Concello de Viveiro, dentro da súa programación para conmemorar o 25N, Día Contra a Violencia Machista, organiza hoxe, 25 de novembro, a marcha popular ‘En Negro contra as Violencias’.
A marcha sairá ás 12.00 horas dende os Castelos, en Covas, e rematará na praza Maior de Viveiro, onde haberá unha concentración en silencio para a lectura do manifesto institucional polo 25N.
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, anima aos veciños e veciñas a participar na marcha e destaca “a necesidade de seguir combatendo a lacra que supón a violencia machista, co obxectivo de conseguir erradicala por fin da nosa sociedade”.
Pola súa banda, a concelleira de Muller e Igualdade, Lara Fernández Fernández-Noriega, sinala “a importancia de sensibilizar e visibilizar o que supón a violencia machista para as vítimas e as familias”.