Viveiro acolle desde o luns unha nova edición de Superarte
O Concello de Viveiro celebra entre os días 14 e 19 de outubro a 6º edición de Superarte, a mostra de teatro feita por persoas con diversidade funcional.
A mostra dedícase este ano ao Síndrome de Down. “Para o Concello de Viveiro, Superarte é unha das citas máis especiais do ano, unha iniciativa fundamental desde a que construír paso a paso un Viveiro máis inclusivo; o certame cumpre a súa sexta edición como un referente na visibilidade das persoas con diversidade funcional”, sinala a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.
“Esta mostra foi un evento pioneiro en Galicia que xa está consolidado, porque outorga espazos nos que as persoas con diversidade funcional expresan a súa arte, impulsando a inserción e a relación con toda a sociedade”, destaca Fernández-Noriega, que agradece a implicación das distintas asociacións no proxecto.
O luns, tras a inauguración está programado o espectáculo Pies de barro, peza gañadora do primeiro premio no XIII Encontro Artes pola Integración.
Durante o resto da semana, Superarte proporá unha ampla programación gratuíta, na que se inclúen varios eventos alén das obras de teatro. Entre outras actividades, programouse de novo a iniciativa ‘O Comercio Inclúe’, con xornadas de convivencia entre o Centro Comercial Histórico de Viveiro e Aspanane.
Haberá tamén exposicións, talleres de percuterapia e autoretrato, e actividades de sensibilización en colexios de Infantil e Primaria.
“Como cada ano, un dos nosos obxectivos é plantar a semente da inclusión na rapazada para crear así unha sociedade inclusiva no futuro”, engade a concelleira de Cultura.