Viveiro acolle a quinta edición de 'Superarte', a mostra de teatro feita por persoas con diversidade funcional

AMariñaXa
O Concello de Viveiro volve acoller entre os días 16 e 22 de outubro 'Superarte', a mostra de teatro feita por persoas con diversidade funcional.
aspanane
13 Out 2023

O Concello de Viveiro volve acoller entre os días 16 e 22 de outubro 'Superarte', a mostra de teatro feita por persoas con diversidade funcional. A iniciativa chega este mes a súa quinta edición.

“'Superarte' é xa un sinal de identidade do noso goberno local, un piar desde o que construír paso a paso un Viveiro máis inclusivo; o certame cumpre a súa quinta edición como un referente na visibilidade das persoas con diversidade funcional”, quixo sinalar a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.

A mostra está dedicada este ano ao dano cerebral adquirido e conta como en cada edición coa colaboración dunha asociación. Porén, nesta ocasión, o Concello de Viveiro implicou á Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Viveiro (Aspanane).

“Agradecémoslles o seu esforzo guiándonos na programación desta edición”, sinala a concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega. Durante unha semana, Superarte proporá unha ampla programación gratuíta, na que se inclúen varios eventos alén das obras de teatro.

Entre outras actividades, programouse a iniciativa ‘O Comercio Inclúe’, con xornadas de convivencia entre o Centro Comercial Histórico de Viveiro e Aspanane, e unha Festa para a Diversidade. Haberá tamén exposicións, talleres de fotografía e actividades de sensibilización en colexios de Infantil e institutos a cargo de Fegadace.

Como cada ano, un dos obxectivos é “plantar a semente da inclusión na rapazada para crear así unha sociedade inclusiva no futuro”, explica a concelleira de Cultura. A mostra trátase dun evento pioneiro en Galicia porque “outorga espazos nos que as persoas con diversidade funcional expresan a súa arte e crean relación co resto da comunidade”, finaliza Fernández-Noriega, que agradece a implicación das distintas asociacións no proxecto.

superarte2023
0.24556493759155