Viveiro acolle a presentación do libro Fábrica de Chavín, unha ollada aos inicios da automoción galega

O Concello de Viveiro converterase este sábado, 24 de xaneiro, no punto de encontro para as persoas interesadas na historia industrial de Galicia coa presentación do libro Fábrica de Chavín. O acto celebrarase ás 12.00 horas e contará coa participación do seu autor, Manuel Lage, quen afonda nesta obra na figura de José Barro, un empresario galego clave nos primeiros pasos da industria da automoción no século XX.
O libro analiza a traxectoria profesional de Barro, considerado un dos pioneiros do sector en Galicia, e achega unha visión detallada sobre o papel que xogou no desenvolvemento inicial da automoción, así como as conexións existentes entre a fábrica de Chavín e outros focos industriais emerxentes da época. A publicación permite comprender mellor un período decisivo para a industrialización galega e a súa inserción nun contexto máis amplo a nivel estatal e europeo.
Durante a presentación, Manuel Lage explicará as principais claves da obra e ofrecerá unha aproximación á vida e ao traballo de José Barro, contextualizando a súa actividade no marco histórico, económico e tecnolóxico no que se desenvolveu. O encontro rematará cunha sesión de sinatura de exemplares por parte do autor.
Manuel Lage Marcos é doutor en Enxeñaría Industrial e de motores e conta cunha ampla e recoñecida traxectoria profesional no ámbito da automoción. Ao longo da súa carreira ocupou postos de responsabilidade en empresas de referencia como Chrysler España, Pegaso ou Iveco, ademais de traballar noutras compañías do Reino Unido e Italia.
Na actualidade, Lage exerce tamén como profesor no centro de investigación do automóbil INSIA, en Madrid, e é autor de diversos libros de investigación centrados na historia do automóbil e en marcas emblemáticas como Pegaso, Barreiros ou Hispano Suiza, consolidándose como unha das voces especializadas no estudo do patrimonio industrial vinculado á automoción.