Viveiro acolle a exposición itinerante que celebra os 150 anos da Banda de Paradela

A Biblioteca Pública Municipal de Viveiro será escenario, a partir deste luns 28 de abril, da exposición "A Banda de Paradela cumpre 150 anos", un proxecto organizado por Egeria en colaboración coa Banda de Paradela, e que conta co apoio do Concello de Paradela e da Xunta de Galicia. Tras pasar por Paradela, Lugo, A Coruña e Sarria, a mostra recala agora na Mariña para continuar coa súa homenaxe á agrupación musical.
A exposición, composta por doce paneis roller de grandes dimensións, propón un percorrido pola historia da Banda dende a súa fundación en 1873 ata a actualidade. A inauguración oficial será o propio día 28 ás 13:00 horas, nun acto que contará coa presenza das alcaldesas de Viveiro, Mariña Gueimunde, e Paradela, Montserrat Mulet.
Ao longo da mostra, o visitante poderá descubrir como a Banda, nacida no lugar de Barrido, na parroquia de San Vicente de Paradela, evolucionou ata converterse na entidade que hoxe dirixen Martín Vázquez e Marisol Arias. Ademais de trazar a súa evolución, a exposición rende homenaxe aos músicos históricos que marcaron a memoria colectiva do concello, cunha especial atención á aldea de Barrido, onde cada casa semellaba ter un músico.
O proxecto baséase en numerosas fontes xornalísticas históricas, como La Idea Moderna, El Lucense ou El Progreso, que permitiron reconstruír a rica traxectoria desta agrupación. Tras o seu nacemento como Banda de Barrido e a súa posterior fusión en Banda de Barrido-Farbán, a entidade sufriu un parón nos anos sesenta pola emigración dos seus membros, pero foi rexurdindo grazas ao retorno dalgúns músicos ou á continuidade doutros que seguiron activos en Galicia.
Entre as figuras destacadas lembradas na exposición están Cándido López, quen impulsou a recuperación da banda ao volver de Suíza; Pedro Rodríguez, mítico director que dominaba todos os instrumentos e que conta cun pequeno museo no seu fogar natal; Ramiro Rodríguez, fusilado na Guerra Civil; e o seu fillo “Ramiriño”, tamén director, que doou obxectos emblemáticos como a batuta do seu pai ao CENTRAD de Lugo. A exposición tamén reserva un espazo para Lino de la Torre Barrio, fundador da orquestra Max 2000 e director da Banda durante vinte anos, así como para o membro máis veterano, Julio Varela, de 93 anos, e a música máis nova, Sara Arias, de apenas 11 anos.