Viveiro acolle a exposición ‘A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía'
O Concello de Viveiro acollerá ata o 29 de novembro a exposición ‘A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía’. Nela repásase a historia deste museo, lembrando o fito que supuxo conseguir mercar, restaurar e musealizar esta casa en pleno franquismo grazas á colaboración de milleiros de persoas.
A mostra, cuxa inauguración prevista a principios de novembro tivo que ser adiada pola situación meteorolóxica, está comisariada por Pepe Barro, tamén responsable da museoloxía da Casa-Museo. Está apoiada pola Deputación de Lugo.
A Casa-Museo abriu ao público o 15 de xullo de 1971, grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración. A partir da proposta de José Manuel Rey de Viana organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na diáspora, uníronse máis de 70 concellos, varios bancos, equipos de fútbol e innumerables asociacións de todo o país.
A historia da Casa de Rosalía é a historia dun logro colectivo. Pouco despois da morte da escritora, a casa da Matanza ficaría baleira, ata que, despois de varios intentos, é mercada en 1946 por Xosé Villar Granjel e Xosé Mosquera. O Patronato Rosalía, creado en 1947, converteuse en refuxio do galeguismo con actos como a Misa de Rosalía en Bonaval, que eran auténticos encontros de afirmación galeguista. Nin sequera o franquismo puido facerlle fronte á vontade popular de recuperar esta Casa.
Ata 1951 non se realizou a primeira restauración, segundo planos de Gómez Román. Pero foi a partir da presidencia de Sixto Seco cando en 1971, baixo a dirección de Fernández-Albalat, cando se puido inaugurar como Casa-Museo o 15 de xullo dese ano. Da montaxe e dirección do museo encargouse Xosé Filgueira Valverde.