Viveiro acada o recoñecemento oficial como Concello Emprendedor pola Xunta de Galicia

AMariñaXa
Este distintivo supón un respaldo institucional ao traballo de fomentar o dinamismo económico e a creación de emprego
casa-do-concello-de-viveiro
13 Jul 2025

O Concello de Viveiro vén de ser recoñecido oficialmente como Concello Emprendedor, segundo a resolución emitida pola Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia. Este distintivo supón un importante respaldo institucional ao traballo que o Goberno local está a desenvolver para fomentar o dinamismo económico e a creación de emprego na vila.

Para acadar esta cualificación, Viveiro implementou diversas medidas orientadas a facilitar a implantación de novas iniciativas empresariais no seu territorio. Entre elas, destaca a modificación das ordenanzas fiscais municipais e a sinatura dun compromiso específico para axilizar a tramitación das licenzas vinculadas á apertura de negocios. Estas accións, encamiñadas a reducir a burocracia e mellorar o entorno para o emprendemento, buscan facer do municipio un destino máis atractivo para investimentos.

A alcaldesa, Mariña Gueimunde, puxo en valor a importancia deste recoñecemento institucional, afirmando que «reforza a nosa aposta por facer de Viveiro un lugar atractivo para investir e crear emprego, eliminando trabas e mellorando as condicións para quen queira desenvolver aquí a súa actividade».

Alén dos beneficios directos para o tecido empresarial, esta nova condición suporá tamén unha vantaxe adicional para o Concello de Viveiro en procedementos de concorrencia competitiva, como son as convocatorias de subvencións e programas de impulso económico promovidos pola administración autonómica.

Con este novo paso, Viveiro consolídase como un dos municipios galegos que aposta decididamente polo desenvolvemento local e o apoio ao emprendemento, reforzando o seu posicionamento como referente na promoción da actividade empresarial.

⚙ Configurar cookies
0.059597015380859