Viveiro abre o prazo para solicitar espazos e material para as ceas populares do Mercado Renacentista

O Concello de Viveiro vén de poñer en marcha o procedemento para solicitar a cesión de espazos públicos e o préstamo de material municipal con vistas á celebración das tradicionais ceas e xantares populares do Mercado Renacentista 2025, previstas para o sábado 5 de xullo.
As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude entre o 20 e o 27 de xuño, e as peticións serán atendidas segundo a orde de entrada no rexistro, ata completar a dispoñibilidade de recursos. A administración local elaborou un modelo específico de solicitude, dispoñible a través de distintos medios: no taboleiro de anuncios electrónico, na páxina web oficial do Concello, impreso en papel no rexistro municipal e tamén na sede electrónica.
A cesión de mobiliario —como cadeiras, taboleiros e cabaletes— está reservada exclusivamente para particulares. No caso dos establecementos de hostalería, estes deberán xestionar obrigatoriamente as súas peticións a través da sede electrónica do Concello.
Ademais, mesmo quen dispoña xa de permiso para instalar terrazas deberá tramitar unha nova solicitude se quere empregar espazo público para celebrar algunha das comidas ou ceas. O uso de espazos municipais require, polo tanto, unha autorización expresa por parte do Concello.
Segundo informa a administración local, a entrega da solicitude implica a aceptación das normas recollidas na resolución municipal que regula este procedemento. Os solicitantes serán responsables do bo uso do material cedido e do espazo ocupado, así como de garantir as condicións de seguridade necesarias durante a celebración da actividade.
