Viveiro abre o prazo de matrícula na Escola Infantil Municipal para o curso 2025/2026

AMariñaXa
As familias deberán formalizar a inscrición de xeito presencial antes do 2 de xuño
Viveiro-Escola-Municipal-infantil
19 May 2025

O Concello de Viveiro vén de anunciar a apertura do prazo para formalizar a matrícula na Escola Infantil Municipal de cara ao curso 2025/2026. O trámite está destinado ás familias que xa presentaran a súa solicitude durante o período de preinscrición, e deberá realizarse de maneira presencial nas propias instalacións da escola.

Desde o goberno local insisten na importancia de completar este proceso dentro do prazo establecido, que permanecerá aberto ata o luns 2 de xuño. A formalización da matrícula é un paso imprescindible para que a admisión do neno ou nena sexa efectiva.

Por outra banda, aquelas familias que non solicitaron praza durante o período previo poden acudir ao Departamento de Servizos Sociais do Concello. Alí poderán informarse e recoller o impreso necesario para iniciar o proceso, no caso de que existan vacantes dispoñibles.

O Concello lembra que a Escola Infantil Municipal é un recurso fundamental para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral, e anima ás familias interesadas a non deixar pasar os prazos establecidos.

⚙ Configurar cookies
0.18257308006287