Viveiro abre o luns a inscrición para que os máis pequenos participen cos cabezudos nas festas patronais

O Concello de Viveiro vén de anunciar que o vindeiro luns, 4 de agosto, comezará o prazo para inscribir aos rapaces e rapazas interesados en formar parte das tradicionais saídas dos cabezudos polas rúas durante as Festas Patronais, que se celebran do 11 ao 15 de agosto. A iniciativa, moi agardada tanto polos máis pequenos como pola veciñanza, permitirá que os nenos e nenas leven postas as cabezas de enanitos e se sumen ao pasarrúas festivo.
A actividade está destinada a crianzas de entre 7 e 12 anos e cada participante poderá unirse só un día durante o período festivo. O número de prazas é limitado e, segundo informou o Concello, adoitan esgotarse rapidamente, polo que se recomenda ás familias interesadas realizar a inscrición canto antes.
O rexistro poderá facerse presencialmente no Teatro Pastor Díaz, en horario de mañá, de 9:00 a 14:00 horas. Cada adulto poderá inscribir como máximo a catro nenos ou nenas.
Desde o Concello lembran que esta proposta é unha das máis populares do programa festivo e agradecen, un ano máis, a alta participación e o entusiasmo que esperta entre a cidadanía. “Esta tradición enche as rúas de vida e alegría, e contribúe a manter vivo o espírito festivo de Viveiro”, sinalan desde o consistorio.