Viveiro abre novas vías de cooperación coa Deputación de Lugo para impulsar proxectos deportivos e culturais

AMariñaXa
A alcaldesa Mariña Gueimunde mantivo unha primeira reunión co vicepresidente Efrén Castro para abordar melloras en instalacións municipais, apoio ao Conservatorio e actuacións no teatro Pastor Díaz
casa-do-concello-de-viveiro
18 Nov 2025

O Concello de Viveiro deu un novo paso cara á colaboración institucional ao manter a súa rexedora, Mariña Gueimunde, unha reunión co vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, na que se analizaron posibles liñas de cooperación en materia deportiva e cultural. O encontro, cualificado por ambas partes como “moi cordial”, serviu como primeira toma de contacto para estudar a cofinanciación de proxectos considerados estratéxicos para o municipio.

Gueimunde destacou a boa sintonía e a vontade de suma expresada pola Vicepresidencia provincial. “Foi unha primeira xuntanza na que trasladamos as necesidades máis urxentes de Viveiro. Vimos boa predisposición a estudar as propostas e analizar a súa viabilidade mediante convenios e liñas de apoio”, afirmou a alcaldesa.

No apartado deportivo, a rexedora expuxo as melloras pendentes nas instalacións municipais. No campo de fútbol de Cantarrana Kiko Rey —onde o Concello xa renovou o céspede— quedan por resolver actuacións como a substitución da cuberta das gradas, aínda de uralita, así como a reforma dos aseos e das instalacións de fontanería, elementos que requiren unha intervención máis profunda.

A xuntanza abordou tamén a situación do campo municipal Marcos Gómez, cuxo céspede artificial presenta un importante desgaste e superou xa a súa vida útil. Este deterioro afecta ao día a día das escolas deportivas e pode incluso supoñer riscos para as persoas usuarias. “Solicitamos á Deputación que valore implicarse na renovación deste campo, unha actuación necesaria para garantir a seguridade e unha práctica deportiva en condicións aceptables”, sinalou Gueimunde.

No eido cultural, o Concello expuxo a necesidade dunha maior achega económica para o Conservatorio de Viveiro, dada a súa intensa actividade e o seu papel dinamizador da vida cultural local. “Falamos dunha estrutura que implica a todo o municipio e que colabora en numerosas iniciativas. Consideramos que precisa dunha axuda máis acorde ao seu traballo”, apuntou a rexedora, recordando que a achega actual da Deputación é de 15.000 euros anuais.

Outros asuntos centraron tamén a conversación, como as melloras necesarias no teatro Pastor Díaz e a posibilidade de abrir novas vías de colaboración para acometer actuacións pendentes. Tamén se puxo sobre a mesa a situación do proxecto da Praza de Abastos, para o que existe un compromiso previo que o Concello aspira a reactivar.

Gueimunde valorou positivamente este primeiro encontro e avanzou que o Concello elaborará nas próximas semanas as memorias técnicas e valoracións económicas necesarias para continuar o diálogo. “O obxectivo é dispoñer de documentación sólida para avanzar en novos encontros e explorar acordos que permitan impulsar proxectos importantes para Viveiro”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.069424867630005