Viveiro abre a inscrición para o concurso de disfraces e desfile de Entroido 2025

O Concello de Viveiro publica as bases para inscribirse no concurso de disfraces e no desfile de Entroido que terá lugar o vindeiro martes 4 de marzo. As bases especifican as normas reguladoras de participación, así como as axudas económicas e premios que se outorgarán aos participantes no desfile e concurso de disfraces. Un ano máis establécense diferentes categorías de adultos - carrozas (cun mínimo de catro participantes), comparsas, grupos, parellas e individual- e infantil -individual, parellas e grupos.
O prazo de inscrición para o desfile é do 20 ao 28 de febreiro no rexistro ou na sede electrónica do Concello de Viveiro.
O xurado, pola súa banda, estará composto por un mínimo de tres membros designados pola organización do concurso e valorará o vestiario e orixinalidade dos disfraces, así como a posta en escena.
Categoría de Adultos
Na categoría de adultos, os participantes poderán competir en varias modalidades: carrozas, grupos, comparsas con música, parellas e individuais. Os premios establecidos son os seguintes:
- Carrozas: O primeiro premio recibirá 700 euros, seguido do segundo con 500 euros, o terceiro con 300 euros e o cuarto con 200 euros.
- Grupos: O gañador levará 300 euros, mentres que o segundo premio será de 250 euros, o terceiro de 200 euros e o cuarto de 100 euros.
- Comparsas con música: Os premios serán os mesmos que na categoría de grupos, con 300, 250, 200 e 100 euros para os primeiros catro postos.
- Parella: O primeiro premio acadará os 100 euros, mentres que o segundo gañará 80 euros, o terceiro 60 euros e o cuarto 40 euros.
- Individuais: Os premios serán de 80, 60, 50 e 40 euros para os catro primeiros clasificados.
Ademais, haberá dous premios especiais: un recoñecemento ao humor cunha dotación de 100 euros e outro á orixinalidade cun premio da mesma contía.
Categoría Infantil
Os máis pequenos tamén poderán participar no concurso de disfraces, que contará coas modalidades de individuais, parellas e grupos. Os premios establecidos nesta categoría serán os seguintes:
- Individuais: O primeiro premio levará 80 euros, o segundo 60 euros, o terceiro 50 euros e o cuarto 40 euros.
- Parella: Os gañadores recibirán 100 euros, mentres que os seguintes premios serán de 80, 60 e 40 euros respectivamente.
- Grupos: O primeiro premio será de 300 euros, o segundo de 250 euros, o terceiro de 150 euros e o cuarto de 100 euros.
Establécese, ademais, unha axuda especial por importe máximo de 200 €, que se concederá a cada unha das carrozas participantes no desfile, para poder optar a dita axuda, teñen que estar inscritas no prazo establecido.