Viveiro: a mina da Silvarosa
Un pequeno paseo no que admirar un anaco do pasado industrial do municipio.
Dende Covas pódese facer unha interesante ruta ata a mina da Silvarosa para descubrir o pasado férreo do municipio. Así, dende a praia de Covas camiñarase ata os Castelos e cruzarase a pasarela de madeira do parque Pernas Peón. Neste momento poderase admirar un ciprés centenario na beirarrúa que data de 1920. Fronte a casa n°13 sae un sendeiro pequeno, si se vai na época de primavera ou verán haberá que ter ollo pois a herba pode estar alta e ocultará o camiño. Despois tan so haberá que seguir subindo ata chegar ao alto da Silvarosa
HISTORIA.
A mina da Silvarosa (tamén coñecida como The Viveiro Iron Ore Co. Ltd.) foi unha antiga explotación mineira situada en Viveiro. Esta estaba dedicada á extracción de ferro, que funcionou desde finais do século XIX ata os anos 1960.
A extracción de ferro no municipio para uso industrial empezou a comezos do século XIX, coa construción do primeiro alto forno do Estado na parroquia cervense de Sargadelos, para a obtención de ferro coado. Con todo, a actividade industrial de Sargadelos acabaría desaparecendo, e con iso, tamén a extracción de ferro de Viveiro.
A finais do século XIX, retomouse de novo o interese pola mina Silvarosa. E no ano 1889, Ricardo de Chairo Oleaga solicitou a inscrición no Rexistro Mineiro de varios filóns situados nos concellos de Viveiro, Vicedo e Ourol, aínda que nunca chegou a explotalos. Foi o empresario alemán Otto Kreizner, xunto ao enxeñeiro Joseph Massenez, quen se fixo cos dereitos de explotación mineira da Silvarosa e para extraer o mineral fundouse a sociedade alemá The Viveiro Iron Ore Co. Ltd., arrendataria da concesión de Kreizner e Massenez.
Os traballos preparatorios da mina empezaron no ano 1893 baixo a dirección do enxeñeiro Frederic Staaden. Malia que non sería ata o 20 de decembro de 1899 cando o primeiro barco mercante partise do cargadeiro da Insua en Viveiro con rumbo a Alemaña.
Ao comezo, a extracción de mineral de ferro realizábase ao descuberto, seguindo a veta. No primeiro ano de actividade, lográronse extraer un total de 104.197 toneladas, que se transportaron en 35 cargamentos. A partir de 1910 continuaron os labores, pero de maneira subterránea.
Para poder transportar o mineral de ferro desde a mina ata os barcos mercantes, deseñouse un sistema teleférico, que tiña unha capacidade para transportar 250 toneladas de ferro á hora.
Co comezo da Primeira Guerra Mundial a actividade mineira quedou paralizada e foi adquirida polo empresario vasco Horacio Echevarrieta, que retomou a actividade no ano 1919. A súa actividade veríase de novo interrompida no ano 1932, debido á persecución política da Segunda República.
Xa no ano 1951, durante a ditadura franquista, retomouse a actividade por parte do Instituto Nacional de Industria (INI), que se fixo cos dereitos de explotación da mina. O INI mantivo activa a mina ata o ano 1966, cando se decidiu abandonar a actividade, debido a que o mineral de ferro que se extraía da Silvarosa tiña numerosas impurezas.