Virginia Fernández convértese na única xuíza internacional Brevet 4 da provincia de Lugo

A viveirense Virginia Fernández vén de acadar un fito destacado no eido deportivo ao conseguir a homologación como Xuíza Internacional Brevet 4, unha das certificacións de maior complexidade e prestixio outorgadas pola Federación Internacional de Ximnasia (FIG). Este logro convértea na única profesional con este nivel na provincia de Lugo e nunha das figuras máis relevantes dentro da ximnasia galega.
Desde o Concello de Viveiro trasladaron de inmediato a súa felicitación, subliñando que o éxito de Fernández “representa o esforzo, a dedicación e o talento dunha deportista que leva anos traballando con constancia para acadar metas tan ambiciosas”. Engadiron tamén que o seu nome “é un orgullo para todo Viveiro e un exemplo para as novas xeracións”.
A obtención do Brevet 4 supón superar probas de avaliación altamente rigorosas e dominar con precisión a normativa internacional da disciplina. O título permite a Fernández participar como xuíza en competicións internacionais, reforzando a presenza galega en eventos de primeiro nivel.
O Concello destacou, ademais, que o seu labor continúa contribuíndo a dar visibilidade ao municipio: “Grazas a persoas como Virginia, Viveiro segue chegando ao máis alto no mundo do deporte”.