Vinte anos tecendo pontes entre Ribadeo e Bretaña

AMariñaXa
Anxo Martíns é o presidente da Asociación Irmandade Ribadeo-Loctudy
Ribadeo-Irmandade-Ribadeo-Loctudy
15 Jun 2025

Por Ana Somoza.

Coa chegada do verán, Ribadeo prepárase para unha nova viaxe que transcende o turismo convencional e afonda nos vencellos culturais que a unen con Loctudy, unha pequena vila mariñeira da Bretaña francesa. Desde a súa fundación, a Irmandade Ribadeo-Loctudy vén cultivando unha relación que medra co paso do tempo, alimentada por encontros anuais, actividades culturais e un fondo sentimento de fraternidade entre pobos que se recoñecen coma irmáns.

“Foi a partir dunha invitación do Concello de Loctudy que todo comezou”, explica Anxo Martíns, presidente da Asociación Irmandade Ribadeo-Loctudy. Aquela primeira visita institucional, encabezada polo daquela alcalde Balbino Pérez Vacas, sentou as bases dunha relación que se formalizaría en 2006 coa sinatura da Carta de Irmandade durante a visita a Ribadeo dunha ampla delegación bretoa.

Malia a oficialidade do acto, Martíns insiste en que o verdadeiro motor deste proxecto foi un grupo de persoas que cría na irmandade dos dous pobos atlánticos, o galego e o bretón. “Philippe Le Goff foi unha figura clave”, recoñece. Este cidadán bretón, con vínculos fondamente enraizados na Mariña, fora xa impulsor doutros irmandamentos entre Viveiro, Foz e Mondoñedo con localidades bretoas. “Mais alén diso, hai unha afinidade histórica e cultural que nos une”, apunta Martíns. Lembra como os bretóns migraron a Galicia nos séculos V e VI, deixando pegada en topónimos como Bretoña. “Cunqueiro, Manuel María ou Castelao son só algúns dos escritores que aludiron a esa irmandade”, engade.

Cando se lle pregunta polas similitudes entre Ribadeo e Loctudy, Martíns enumera sen dubidar: “Ambas son vilas mariñeiras, con forte actividade pesqueira e turística, onde o mar forma parte da identidade colectiva”. Esa proximidade xeográfica e emocional serve de base para unha relación que non se limita a actos institucionais. “A irmandade dá vida ás dúas localidades”, asegura. “A xente pregúntanos, ten interese, mesmo os que non participan directamente”.

A pegada de Ribadeo en Loctudy é visible. Alí hai unha rúa co nome da vila galega, un barco de pesca que leva o mesmo nome, e varios paneis indicativos da irmandade. “Seguro que hai quen chega a Ribadeo despois de ver o seu nome en Loctudy por primeira vez”, comenta Martíns, satisfeito coa difusión que iso implica.

O eixo principal da actividade da Irmandade son as viaxes anuais: un ano van eles a Bretaña e ao seguinte reciben aos bretóns en Ribadeo. “Cada dous anos tócanos a viaxe”, resume Martíns. Non se trata dunha viaxe calquera. O programa inclúe visitas culturais, percorridos pola contorna e actividades comunitarias. “En 2018 fixemos unha excursión ‘Seguindo os pasos de Castelao’, visitando os cruceiros que el estudou na Bretaña”, lembra. Tamén mencionan visitas ás cidades de Quimper e Locronan, ou a prevista para este ano á Costa de Granito Rosa e a Lorient.

Porén, máis alén das visitas culturais, o que fai singular esta irmandade é a convivencia. “Aloxámonos en familias, e iso crea vínculos reais, duradeiros. Hai amizades que naceron así e que seguen logo dos encontros”, sinala Martíns. Esa dimensión humana é a que dota de sentido fondo á iniciativa.

A actividade da Asociación Irmandade Ribadeo-Loctudy non se limita ás viaxes. Entre outras iniciativas, organizaron a exposición “A Bretaña que hai en Nós: As cruces de pedra na Bretaña de Castelao” e colaboraron no apoio loxístico ao barco Ribadeo na súa travesía inicial cara a Loctudi. Tamén participaron na organización dun obradoiro de cociña galega en Loctudi e preparan a presentación do libro “Brezhoneg: a lingua celta da Bretaña” en Ribadeo. Ademais, promoveron xunto ao Concello a creación do Miradoiro de Loctudy nas proximidades do Forte de San Damián.

Hoxe en día, a Irmandade conta con máis de corenta membros, malia que non todos poden participar sempre das viaxes. A integración de novos membros é sinxela: “Abonda con contactar connosco, ben por correo irmandade.ribadeo@gmail.com, por teléfono 629 475 299 ou falando con calquera de nós”, explica Martíns, que insiste en que son un grupo aberto e acolledor.
En canto aos plans de futuro, o máis inmediato é a viaxe deste verán á Bretaña, do 1 ao 9 de xullo. “A viaxe de ida levaranos a visitar Mutriku e La Roche-Bernard, e na volta pasaremos por La Rochelle, Ondarribia e Santillana de Mar. Durante cinco días estaremos en Loctudy aloxados en familias e gozaremos dun programa de visitas que sabemos que están preparando con agarimo”, detalla Martíns.

O horizonte próximo reserva unha data simbólica: o vindeiro ano cumprirase o vixésimo aniversario da Irmandade. “Celebrarase en Ribadeo e xa comezamos a pensar en novas iniciativas para conmemorar esa data. Queremos seguir medrando e ampliando a colaboración”, asegura o presidente.

Cando se lle pide unha mensaxe para a cidadanía, Anxo Martíns non dubida: “Arredor desta irmandade creáronse lazos que nos enriquecen como persoas. Hai afectos que naceron destas viaxes e que seguen vivos. Somos un grupo aberto e acolledor. Se alguén sente interese, que se achegue, que pregunte, que participe. É unha experiencia que paga a pena vivir”.

Nestes case vinte anos de percorrido, a Irmandade Ribadeo-Loctudy foi moito máis ca unha serie de actos protocolarios. Converteuse nun espazo de encontro, de afecto e de construción colectiva entre dous pobos que se recoñecen un no outro. E como diría Castelao, en quen tanto se inspiran: “Se aínda somos galegos, é por obra e graza da saudade”. Tamén, quizais, por obra e graza da irmandade.

⚙ Configurar cookies
0.1653459072113