Vinte anos da UNED en Viveiro con conferencias abertas ao público

A Aula Universitaria da UNED en Viveiro celebrará entre o 15 e o 19 de setembro de 2025 os seus vinte anos de traxectoria cun ciclo de conferencias abertas ao público. A iniciativa, organizada coa colaboración do Concello de Viveiro e o Centro Asociado da UNED de Lugo, pretende ofrecer á cidadanía un espazo para a reflexión e o debate arredor de temas de actualidade e interese social.
O programa arrincará o luns 15 cun acto institucional ás 17:00 horas, presidido pola directora da UNED de Lugo, Ana Traseira Pena, e pola alcaldesa de Viveiro, Carmen Gueimunde González. A partir dese momento, cada xornada acollerá unha conferencia impartida por especialistas de diversos ámbitos, que poderán seguirse tanto de maneira presencial como en liña, en directo ou en diferido.
“Queremos compartir co público estas dúas décadas de ensino e formación continua”, sinalan desde a organización, destacando que a matrícula para asistir ás conferencias é totalmente gratuíta. “A proposta está aberta a toda a poboación interesada, sen requisitos previos”, indican.
A primeira das charlas, o luns 15, estará a cargo da bióloga ambiental Paula Fernández Moure, que abordará a problemática da desinformación climática e o impacto dos bulos sobre o cambio climático. O martes 16 será a quenda da xefa da Área Provincial de Turismo, Paloma Vázquez Fernández, que falará sobre a necesidade de apostar por un turismo sostible, realista e viable.
O mércores 17, o doutor en Historia Moderna Rubén Castro Redondo ofrecerá un relatorio integramente en galego sobre o Reino de Galicia na Idade Moderna, unha proposta que pretende divulgar e poñer en valor o pasado histórico da comunidade. O xoves 18, o avogado e mediador Jorge Lorenzo Neira Rodríguez falará sobre a mediación como ferramenta para a resolución de conflitos. Por último, o venres 19, o emprendedor social Lucas Requejo Fernández centrará a súa intervención no potencial da alimentación e da gastronomía como motor para o desenvolvemento local.
“Esta actividade forma parte do compromiso da UNED cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, promovendo o coñecemento e o compromiso co territorio”, destacan desde a organización, animando á veciñanza de Viveiro e comarca a participar neste ciclo de conferencias que celebra “vinte anos de aprendizaxe compartida”.