Villares participou na xornada do Pacto de Alcaldías polo Clima e a Enerxía
Participou en representación dos concellos de menos de 5.000 habitantes.
O rexedor, Alfonso Villares, participou na xornada sobre o Pacto das Alcaldías polo clima e a enerxía que se celebrou en Santiago da man da Consellería de Medio Ambiente.
Villares, en representación dos concellos de menos de 5.000 habitantes, explicou as diferentes medidas de adaptación postas en marcha en Cervo e que se enmarcan neste Pacto como son a campaña de compostaxe doméstica, o sistema de depuración con plantas macrófitas, un control ecolóxico de especies invasoras, a xeolocalización de colectores ou as campañas de sensibilización ambiental entre outros.
Villares dixo que "moitas das medidas que implantamos nos últimos anos en Cervo teñen relación coa adaptación ao cambio climático e o seu fío condutor é a a protección da biodiversidade, pero teñen implicacións na resiliencia fronte a outras ameazas do cambio climático ou na mitigación das emisións"
O Pacto Europeo das Alcaldías para o Clima e a Enerxía é unha iniciativa europea que nace no 2008, á cal se suman voluntariamente gobernos locais e rexionais, adquirindo mediante a súa adhesión ao pacto uns compromisos en materia de clima e enerxía comúns a toda a UE para aplicalos ao seu territorio.
Actualmente, inclúe más de 7.000 autoridades locais e rexionais de 57 países. Os asinantes do Pacto comparten unha visión común para 2050: acelerar a descarbonización dos seus territorios, fortalecer a súa capacidade para adaptarse aos impactos ineludibles do cambio climático e conseguir que os seus cidadáns e cidadás teñan acceso a unha enerxía segura, sostible e accesible.