Vilaxoane celebra San Blas con actos relixiosos, verbenas e a tradicional festa dos callos

Vilaxoane, no concello de Foz, volverá converterse nun punto de encontro arredor das festas de San Blas cun programa que se desenvolverá entre os días 3 e 8 de febreiro e que combinará tradición relixiosa, celebración popular e propostas musicais para todos os públicos.
Os actos comezarán o martes 3 de febreiro, día do patrón, cunha misa solemne ás 13.00 horas, seguida da procesión e da bendición do tradicional pan de San Blas. Xa pola tarde, ás 18.30 horas, celebrarase unha nova misa solemne, mantendo a imposición do santo ao longo de toda a xornada.
A programación continuará o venres 6 de febreiro cunha gran verbena nocturna que contará coa actuación do Dúo Belinda e da orquestra Gran Parada, ofrecendo unha noite festiva pensada para veciñanza e visitantes.
O sábado 7 haberá sesión vermú amenizada polo Grupo D’Kris, que tamén protagonizará a verbena da noite xunto coa Orquestra Principal, nunha das xornadas máis completas do programa festivo.
As festas pecharanse o domingo 8 de febreiro coa celebración da Festa dos Callos San Blas 2026, organizada pola Peña Fálame Sempre. A xornada incluirá sesión vermú a cargo do DJ Take Sound e unha comida popular para a que é necesario retirar os tickets con antelación ata o 3 de febreiro na libraría A Rapadoira.