Vilaselán será a primeira parada do punto limpo móbil de Ribadeo
Vilaselán é a primeira parada do punto limpo móbil, adquirido polo Concello de Ribadeo hai unhas semanas para dar servizos ás parroquias.
En Vilaselán, carón da escola, estará ata o 12 de xaneiro. Despois estará situado do 12 ao 26 de xaneiro no campo da festa de Piñeira; do 26 de xaneiro ao 9 de febreiro na área recreativa de Vilaframil; do 9 ao 23 de febreiro estará no Círculo Habanero na Devesa; do 23 de febreiro ao 9 de marzo no campo da festa en Santalla de Vilausende; do 9 ao 23 de marzo a carón da escola de Couxela; do 23 de marzo ao 5 de abril na escola de Cedofeita; do 5 ao 20 de abril a carón da escola de Couxela; e do 20 de abril ao 4 de maio no teleclube de Arante.
Unha vez rematada esta primeira quenda en maio, seguirá a segunda rotación na mesma orde e así ata principios do 2024. O calendario xa está feito e comezou a aplicarse.
Tamén se colocou un punto limpo de proximidade en Rinlo e adquiriuse este móbil no que a veciñanza das parroquias de Ribadeo poderá depositar residuos domésticos como aceite usado, pilas, aparatos electrónicos pequenos, luminarias, CDs, DVDs, radiografías, cápsulas de café, etcétera.