Vilaronte volve celebrar o seu mercado tradicional nun ambiente de festa e reivindicación do rural

O vindeiro sábado 4 de maio, Vilaronte converterase nun punto de encontro para veciños, visitantes e amantes do rural coa celebración da cuarta edición do mercado “Aos Pés de Cornería”, un evento que xa se consolidou como unha cita imprescindible no calendario cultural da Mariña lucense. Organizado pola Asociación O Atrio, o mercado ofrece unha programación variada con actividades para todos os públicos que combinan tradición, reflexión e diversión.
A xornada arrincará ás 10.00 horas coa apertura dos postos de venda, que reunirán produtos locais e propostas de artesanía. Ás 11.00 horas terá lugar unha charla sobre agricultura ecolóxica, a cargo de Edmundo Maseda, produtor do Valadouro, que compartirá a súa experiencia coa horta ecolóxica na súa zona. Esta actividade busca fomentar modelos sostibles e reivindicar o papel do campo na economía e na vida comunitaria.
Ao mediodía, a charanga Bicoia animará as rúas do mercado cun pasacalles festivo. Xa pola tarde, ás 14.00 horas, o vermú correrá a cargo do grupo “Pantera Rosa”, poñendo ritmo e ambiente para os asistentes. Ás 16.30, a contacontos Manuela traerá a maxia da literatura infantil co espectáculo “O Grúfalo e a natureza”, pensado especialmente para o público miúdo.
O día pecharase cun concerto da banda “A Pedreira” ás 18.00 horas, que porá o broche musical a unha xornada pensada para reivindicar a identidade local e poñer en valor os recursos e saberes do rural.
Durante toda a mañá haberá tamén unha demostración de cestería tradicional a cargo de María Otero Folgueira, unha oportunidade para coñecer de preto oficios ancestrais que forman parte do patrimonio inmaterial galego. Ademais, os nenos e nenas poderán facerse trenzas de balde no posto de Artesanía Mary.
O evento conta co apoio do Concello de Foz, a Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo, que colaboran nesta iniciativa que mestura cultura, economía local e dinamización do territorio.