Vilaronte acende a festa de San Xoán con música, lume e tradición durante intensas xornadas

Foz
AMariñaXa
O evento arrincou o 14 de xuño e culmina o día 22 cunha verbena multitudinaria
foz-san-xoan-vilaronte-festas-2025
19 Jun 2025

A parroquia de Vilaronte, no concello de Foz, xa o ten todo preparado para celebrar unha das festas máis esperadas do ano: o San Xoán 2025. A programación esténdese ao longo de tres días –14, 21 e 22 de xuño– e combina actividades culturais, gastronómicas e relixiosas, mantendo viva a tradición e ofrecendo diversión para todas as idades.

A festa deu comezo o sábado 14 coa lectura do pregón, a cargo da cantante Conchita de Bautista, seguido do XLVII Festival Folclórico Infantil, protagonizado pola agrupación A.F. O Feitizo de Foz. A cita continuo cunha churrascada popular e coa actuación do dúo musical Primeira Liña.

O sábado 21 de xuño será o día grande das festas patronais, cunha misa solemne ás 13:00 horas, seguida dunha procesión e dunha sesión vermú amenizada pola orquestra Costa Dorada. Xa pola noite, a partir das 22:30, celebrarase unha gran verbena con dobre actuación musical: repetirá Costa Dorada e subirase tamén ao escenario a orquestra Waykas.

O domingo 22 pecharase o ciclo festivo cun novo día de misa e música. Ás 13:00 horas celebrarase unha misa cantada pola Coral Polifónica de Foz, seguida dunha nova sesión vermú co grupo Tania Veiras e os Cumbiapop, que volverán actuar ás 18:00 para amenizar a verbena da tarde. Nesta última xornada, tamén se contará coa presenza da Pulpería Suso, ofrecendo sabor a tradición galega nun ambiente festivo.

A asociación O Atrio, organizadora do evento, conta coa colaboración do Concello de Foz e da agrupación O Feitizo, e anima tanto á veciñanza como a visitantes a participar nesta celebración que conxuga historia, cultura e lecer nun entorno privilexiado.

⚙ Configurar cookies
0.17531609535217