Vilanova de Lourenzá quence motores para o festival Vilou Spring Fest

AMariñaXa
O recinto feiral de Vilanova de Lourenzá acolle o 14 de abril, día de Xoves Santo, o festival Vilou Spring Fest
Vilou Spring Fest 2022
10 Apr 2022

O recinto feiral de Vilanova de Lourenzá acolle o 14 de abril, día de Xoves Santo, o festival Vilou Spring Fest, que ten como prato forte a actuación da orquestra Panorama, pero tamén participarán o grupo Nueva Fuerza e os DJ Billy e Dani Rego. Este evento está organizado pola asociación Conde Santo coa colaboración do Concello de Lourenzá. As entradas, que teñen un prezo de 10 euros, xa están á venda en varios establecementos.

As actividades do Vilou Spring Fest comezarán coa 7ª Reunión Amigos de VespaFaba & Clásicos Lourenzá, que a partir das 09:00 horas terá unha xuntanza dos participantes no Cantón, ás 12:00 sairán para facer unha ruta, ás 13:00 horas haberá unha sesión vermú e ás 14:30 reuniranse nunha comida no restaurante Baos.

O festival musical arrancará ás 22:30 cos DJ Billy e Dani Rego, para as 23:30 horas está programada a actuación de Nueva Fuerza e pechará Panorama.

Manolo Goas, da asociación Conde Santo, destacou que “por fin vamos poder recuperar o noso Vilou Spring Fest, que levábamos dous anos esperando para poder facelo e agora parece que mellorou a situación da pandemia. Entón eu penso que non hai mellor sitio para poder recuperarnos desta gran crise que tivemos e celebralo na Vilou Spring Fest. A actuación estelar é a Panorama e temos tamén dous DJ, que son Dani e David Billy, e ademais estará Nueva Fuerza, que é un grupo xuvenil con moito tirón e ritmo para que a xente disfrute. Penso que a xente despois do que pasou ten unhas ganas de festa impresionantes. Ademais vai ser unha das primeiras actuacións da Panorama este ano, a segunda na Mariña será esta, e iso vai ter un tirón importante. A Vilou Spring Fest é unha das mellores festas da zona, esta é a súa terceira edición pero visto a proxección que leva penso que vai chegar a ser un festival referente na Mariña”. Ademais agradeceu a axuda do Concello, que “colaborou con nós en todo o que lle pedimos” e tamén a de Espectáculos Pico, que “fai o posible para que esta festa se leve a cabo”.

A alcaldesa comentou: “estamos ultimando os preparativos para esta nova edición do festival en colaboración coa asociación Conde Santo, que son os que organizan este festival. Celebramos que despois destes dous anos de parón se poida volver un pouco á normalidade, agardamos que sexa un evento por todo o alto. Eu creo que, igual que en edicións pasadas, vai asistir moita xente porque despois da pandemia hai ganas de festa. Para Lourenzá é unha data importante e animo a todo o mundo a asistir. Ademais quero agradecer sobre todo o traballo que fai a asociación Conde Santo, que tamén son os encargados de organizar as festas patronais e con este evento buscan darlle un impulso a eses festexos”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17443895339966