Vilalba e As Somozas únense ao Camiño do Bispo na reunión en Abadín

Os concellos polos que discorre o camiño real que une Mondoñedo con Ferrol, e que enlaza, en San Nicolás de Neda, co Camiño Inglés e co Camiño de San Andrés de Teixido, rebautizado como o Camiño do Bispo, celebraron en Abadín unha nova reunión xa coa incorporación de Vilalba e As Somozas, polos que transcorren tamén pequenos tramos da ruta.
Representantes dos municipios das Pontes, Mondoñedo, Abadín, Muras, Xermade, San Sadurniño e Neda, e tamén os de Vilalba e As Somozas teñen como obxectivo impulsar os territorios que vertebran o norte de Galicia, "apostando polo turismo de calidade e a cultura".
Os concellos reunidos en Abadín, xunto co presidente da Deputación e tamén alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, acordaron traballar para poñer en valor o Camiño Real, agora rebautizado como Camiño do Bispo e impulsar o desenvolvemento do turismo e a cultura a través desta ruta histórica.
Unha das primeiras medidas será a sinalización do camiño, que correrá a cargo de cada Concello, e quedaron emprazados a traballar nos orzamentos e nos contidos dos paneis que se porán en cada un. Manterán unha nova reunión nun mes.