Vilacampa volve celebrar en agosto a súa tradicional feira de gando e festa patronal

AMariñaXa
O Valadouro homenaxea a Santo Domingo o día 4 cun completo programa de actividades, gastronomía e música en directo
Fogos artificiais
28 Jul 2025

O recinto cuberto con carpa de Vilacampa, no concello do Valadouro, acollerá o vindeiro 4 de agosto unha nova edición da tradicional Feira de Gando Anual e a festa na honra a Santo Domingo, unha cita destacada do verán na Mariña lucense que combina gastronomía, música e tradición.

A programación comezará ás 13:30 horas cunha misa solemne seguida dunha sesión vermú a cargo do Grupo Lume. Durante toda a xornada, os asistentes poderán gozar dunha oferta gastronómica baseada en produtos típicos como o polbo, o xamón cocido e o churrasco, ademais do servizo de cantina dispoñible ao longo do día.

Pola tarde, entre as 19:00 e as 22:00 horas, terá lugar unha festa-verbena tamén amenizada polo Grupo Lume, que volverá ao escenario para poñer o broche musical á xornada.

No apartado gandeiro, a feira contará cun concurso con premios para os mellores exemplares. Establécense distintas categorías: lote máis numeroso de gando vacún e cabalar, mellor vaca, mellor cabalo ou besta. En cada unha delas entregaranse premios que van dos 300 aos 50 euros, segundo o posto acadado.

A cita incluirá tamén unha degustación gratuíta de produtos elaborados con Porco Celta, unha iniciativa que busca poñer en valor a calidade da produción galega e promover o consumo de alimentos locais e artesanais.

A organización, a cargo do Concello do Valadouro en colaboración coa Xunta de Galicia e outras entidades como Artesanía Alimentaria ou os Consellos Reguladores de produtos galegos, agarda repetir o éxito de edicións anteriores e converter de novo Vilacampa nun punto de encontro para veciñanza, gandeiros e visitantes.

budian o valadouro festas
⚙ Configurar cookies
0.16288018226624