Vila Nadal enche a Praza da Catedral de Mondoñedo de lecer, cultura e ambiente festivo

AMariñaXa
O novo espazo navideño combina gastronomía, artesanía, música e actividades familiares no corazón da cidade
Vila-Nadal-Mondonedo-2025
16 Dec 2025

O Concello de Mondoñedo presentou hoxe Vila Nadal Mondoñedo, unha nova proposta de lecer concibida como punto de encontro para veciñanza e visitantes durante as festas de Nadal. O espazo, situado na Praza da Catedral, nace coa intención de ofrecer unha alternativa atractiva e dinámica para todos os públicos nun enclave privilexiado do conxunto histórico mindoniense.

Vila Nadal está promovido por Discovery Producciones en colaboración co Concello de Mondoñedo e forma parte da programación oficial do Nadal na cidade. A iniciativa aposta por unha oferta variada que combina lecer, cultura, gastronomía e actividades familiares, co obxectivo de dinamizar o centro histórico e contribuír a impulsar o comercio e a hostalería local nestas datas tan sinaladas.

Entre os principais reclamos do recinto destacan as foodtrucks, nas que se poderá degustar comida típica e produtos de tempada, así como os postos de venda con artigos artesanais e motivos propios do Nadal. A estas propostas súmase unha exposición temática que, nesta edición, está dedicada ao universo de Harry Potter, unha ambientación pensada para sorprender tanto ao público infantil como ao adulto e converterse nun dos grandes atractivos do espazo.

A programación de Vila Nadal complétase cun amplo abano de actividades que inclúe música en directo, espectáculos e propostas pensadas especialmente para a cativada. Ademais, diferentes personaxes animarán o recinto ao longo das xornadas de apertura, entre eles as populares K-Pop, Os Bolechas ou a actuación da orquestra Beatriz, que achegarán ritmo e animación á Praza da Catedral.

O espazo permanecerá aberto diariamente dende o sábado 27 ata o martes 30 de decembro, convertendo Mondoñedo nun referente do Nadal na comarca durante eses días. Entre os eventos máis destacados figuran as precampás infantís, que se repiten tras o éxito acadado na pasada edición, e a festa de Pre fin de Ano, dúas citas que prometen encher a praza de ambiente festivo e participación.

Desde o Concello de Mondoñedo convidan a todas as familias mindonienses, á veciñanza da comarca e ás persoas visitantes a achegarse a gozar de Vila Nadal, unha iniciativa que se suma á decoración especial que estes días luce o casco histórico, o barrio dos Muíños ou o tradicional belén da catedral, reforzando así a oferta turística e cultural da cidade durante o Nadal.

⚙ Configurar cookies
0.10244607925415