Vicepresidencia da Deputación lanza unha nova edición das axudas O que non arde

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A convocatoria está dirixida a gandarías de ovino, cabrún e porcino, e publicarase o 17 de outubro
presentacion-programa-o-que-non-arde-axudas-gandaria
15 Out 2024

A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación pon en marcha a quinta edición do programa de axudas ao silvopastoreo e á gandería extensiva “O que non arde”, cun investimento de 120.000 euros, un 50 por cento máis que na última anualidade.

A convocatoria diríxese a ganderías de ovino, cabrún e porcino en extensivo. Así, as achegas teñen como obxectivo financiar gastos de instalación e mantemento de elementos de manexo do gando, desde pastores eléctricos e valados fixos ou móbiles ata accesorios para a alimentación ou módulos para a xestión dos partos do gando no monte. Ademais, por primeira vez, incorpórase como gasto subvencionable -ata un 20 por cento do importe solicitado- os gastos de roza previos á instalación destes sistemas de protección e manexo dos animais.

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro explicou que “ área de Rural incrementa un ano máis o investimento neste programa, reforzando o apoio as ganderías extensivas que aproveitan os recursos naturais do monte, contribuíndo a recuperar zonas improdutivas ou abandonadas, reducir o risco de lumes e manter o rural vivo”

As achegas, que se outorgarán en réxime de concorrencia competitiva, oscilarán entre os 300 e os 6.000 euros por beneficiaria ou beneficiario. A convocatoria publicarase o xoves 17 de outubro no Boletín Oficial da Provincia, establecendo 15 días hábiles -ata o 8 de novembro – para tramitar as solicitudes.

Cuarta edición dun programa pioneiro

“O que non arde´” é o primeiro programa impulsado pola Deputación de Lugo en relación coa prevención de incendios e a xestión integral do monte. Na súa primeira edición, en 2020, o programa implementouse a través da colaboración cos concellos, que puideron solicitar axudas de Medio Rural para a roza e limpeza das faixas laterais da rede viaria municipal, así como para o mantemento da rede de faixas de xestión de biomasa coa plantación de especies arbóreas autóctonas.

En 2021, a convocatoria orientouse ao fomento do pastoreo preventivo por parte das comunidades de montes veciñais en man común, implicando a comuneiros e comuneiras no mantemento e limpeza das faixas de protección contra os lumes.

Nas tres últimas edicións, as axudas orientáronse a gandarías extensivas de cabrún, ovino e porcino, financiando a instalación e mantemento de peches perimetrais e outros elementos para a rotación e manexo do gando nunha vintena de gandarías das distintas comarcas, así como o desenvolvemento de programas de fomento do silvopastoreo por parte de asociacións gandeiras.

Efrén Castro valorou “o traballo realizado ao longo destes cinco anos para consolidar o programa, adaptándoo ás necesidades que nos trasladaron desde as asociacións agrogandeiras e desde os colectivos que traballan na xestión do territorio agroforestal e gandeiro” e tamén “a dimensión pedagóxica do programa que apela a implicación de gandeiras e gandeiros e das administración no fomento da gandaría extensiva como barreira contra os lumes forestais e como ferramenta para contribuír ao equilibrio territorial e á fixación de poboación no rural”.

Coa convocatoria anunciada, a área de Rural suma un total de 360.000 euros destinados as sucesivas edicións do programa, que foi recoñecido como o mellor proxecto de apoio a gandaría extensiva desenvolvida por unha Deputación pola ONG internacional WWF Adena.

0.11267805099487