Viaxes de salón

AMariñaXa
Viaxes de salón
rutas2
9 Nov 2020

Por Rebeca Maseda

Hai tres cousas que adoro nesta vida: a música, viaxar e a gastronomía. Son unha especie de tríada máxica que ademais, cando podes unilas, convértese nunha experiencia cósmica. Desgraciadamente nos tempos que corren, viaxar parece ser unha actividade pouco atractiva, así que por agora, non nos queda outra que pensar en futuro e deleitarnos con bos libros, revistas, películas, series, documentais ou música que nos teletransporten aos miles de lugares que nos ofrece este marabilloso Planeta, desde os que están ao ladiño da casa ata aqueles que conlevan máis dun día de avión.

Hai uns días fun ao cine -pasara unha eternidade desde a última vez...- cun grupiño de amigas xeniais -Carol, Clara e Virginia (¡Olaaa!)- para ver a recentemente estreada curtametraxe de Almodóvar, La Voz Humana. Tremenda viaxe sen levantarme da butaca e por partida dobre! Sinxelamente sentada nunha sala de cine vendo unha película donde a acción acontece, en esencia, nun único lugar. Un decorado dentro dun decorado, como se a vida fose unha especie de matrioshka imaxinaria. A marabillosa adaptación, sempre única e singular, que o xenio manchego fai da obra de Jean Cocteau é sinxelamente sublime. Como se diría en gastronomía, unha auténtica delicatessen. Chea de poesía, drama e beleza a esgalla; dende unha fotografía realizada, coma sempre, con todo o mimo do mundo ata un vestiario e uns decorados impregnados de glamour extremo, pasando por unha banda sonora orixinal excepcional que cobra ademais un rol moi importante, como se dunha personaxe máis se tratara. O papel principal, única personaxe “visible” da historia e maxistralmente interpretado pola actriz inglesa Tilda Swinton, conversa telefonicamente co seu ex-amante nuns diálogos cheos de forza dramática misturada con humor e sarcasmo. Aínda que teño que dicir que o diálogo que máis me impresionou foi o establecido entre a protagonista coa música composta por Alberto Iglesias sen necesidade de palabras, algo realmente máxico. De feito, botei particularmente en falta nos títulos de crédito, os nomes dos intérpretes participantes na gravación de semellante banda sonora, unha mágoa...

E seguindo con música excepcional, non podo esquecer ao compositor francés Francis Poulenc (1899-1963), quen tamén fixo a súa particular adaptación do texto de Cocteau coa composición dunha ópera homónima (monodrama) estreada en 1959 na Salle Favart de París. ¡E ahí non acaba o asunto! Almodóvar non foi o primeiro en levar á gran pantalla a obra do xenial e polifacético Cocteau, xa en 2013 o cineasta italiano Edoardo Ponti estreou a súa curtametraxe La voce umana coa súa propia nai encarnando o papel da actriz principal, a gran Sophia Loren. Resumindo, paréceme realmente fascinante a forte influencia que exerceu La Voix humaine -título orixinal da obra teatral escrita en 1930- en tantos autores posteriores, e que por conseguinte inspirou a creación dunha gran cantidade de obras mestras que nos teletransportan por auténticas viaxes emocionais sen necesidade de coller un avión, vamos, un auténtico luxo para calquera que saiba aprecialo.

Ademais de poder conmovernos cunha boa peli, obra de teatro ou concerto, tamén podemos viaxar polas emocións e pola imaxinación -e esta vez sen ter que levantarnos do sofá- cun bo libro. Hai tantísimos que resulta imposible nomealos a todos... Pero persoalmente teño que dicir que sinto auténtica fascinación por aqueles autores e autoras que coas súas ricas e detalladas descripcións nos permiten viaxar por todo un mundo imaxinario, creando universos enteiros só coas palabras. Neste sentido o primeiro autor da miña lista sería o Premio Nobel de Literatura, Gabriel García Márquez. Só de rememorar a lectura de Del amor y otros demonios sinto calafríos... ¡Qué maneira de describir a paixón amorosa! Lendo esta fermosísima novela do xenio colombiano podes sentir todas as fases do namoramento entre os dous protagonistas, Sierva María e Cayetano Alcino, quen se ven envoltos nunha historia de amor prohibido que os levará a un estado de loucura e éxtase emocional narrado á perfección por Gabo. E seguindo con xenialidade descriptiva tampouco pode faltar na miña lista José Saramago, outro Nobel. Nin Google Maps nin Google Earth nin toda a tecnoloxía do mundo podería xamais amosarnos todo un país da maneira na que o fai Saramago en Viaje a Portugal. Un libro case autobiográfico que nos regala unha viaxe pola memoria do autor a través do seu pensamento moral, como a historia dun viaxeiro dentro da viaxe, retomando a idea da matrioshka imaxinaria. E por último e non por iso menos importante, como mindoniense orgullosa que son, quero rematar co gran Álvaro Cunqueiro, quen coa súa infinita imaxinación e fantasía, é capaz de transformar o meu benquerido Bosque de Silva nunha selva tropical ou de traernos a Mondoñedo ao mesmísimo Mago Merlín.

A capacidade de imaxinar é un recurso inesgotable da mente humana que debemos exercitar, polo que podo dicir con toda convicción que non viaxa quen non pode, senón quen non quere.

0.16748094558716