VIA Alfoz ve urxente manter o colexio

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Desde Vía Alfoz considérase que o CEIP Plurilingüe Castro de Ouro é un instrumento vital para garantir o futuro do concello de Alfoz.
27 sep 2019

Desde Vía Alfoz considérase que o CEIP Plurilingüe Castro de Ouro é un instrumento vital para garantir o futuro do concello de Alfoz. Segundo indican desde o o Grupo Municipal "investir neste centro non se debe considerar un gasto senón un investimento de futuro. E que mellor destino pode ter o diñeiro público que o de ser destinado a garantir o futuro do noso centro, velando pola economía das nosas familias e por garantir a igualdade de oportunidades con respecto a aquelas que deciden levar aos seus fillos a outros centros”.

O envellecemento da poboación e o desprazamento de persoas cara aos núcleos urbanos, normalmente por falta de traballo ou vivenda, son dous dos principais motivos da baixa taxa de natalidade e do despoboamento do concello. Se a isto lle sumamos que familias residentes en Alfoz levan os seus fillos ao colexio público de Ferreira do Valadouro, ponse en perigo o futuro do CEIP Plurilingüe Castro de Ouro.

Vía Alfoz recorda que “son moitos os Concellos, tanto de Galicia como do resto de España, que dispuxeron diferentes sistemas para facer efectiva a gratuidade dos libros de texto. Sen ir mais lonxe, o propio Concello de Alfoz levou a cabo no curso escolar 2017-2018 unha iniciativa, similar á que levan actualmente no Concello veciño do Valadouro, na que se garantía a gratuidade dos libros de texto e outros materiais utilizados polo alumnado de infantil e primaria”.

Esta iniciativa non se repetiu nos seguintes cursos escolares, seguindo indican desde Via “sempre se indicou que esta medida non se podía tomar por supostos problemas reglamentarios, pero sen embargo este ano mercáronse desde o Concello os libros de infantil. Non entendemos que diferencia hai entre estes libros e os de primaria”, feito que esperen que se aclare no próximo pleno onde solicitarán que o Concello de Alfoz “examine e adopte, dentro das súas competencias, todas aquelas medidas regulamentarias, que, en coordinación coa ANPA e a Dirección do CEIP Plurilingüe Castro de Ouro, garanta a gratuidade dos libros de texto e materiais curriculares”.

Destacan desde Via a falta de información existente no actual equipo de goberno indicando que “supoñemos que se trata de falta de información e non de oportunismo político que continuamente se vendan medidas que xa estaban postas en marcha”, como o programa de madrugadores, “xa existente desde fai anos”, ou outras que foron iniciativas do anterior goberno, “como o programa de igualdade”, iniciativa da concellería de Igualdade e Benestar da independente Carmen Geada. “Este programa provén dunha iniciativa de Via despois de que o noso compañeiro Xabier Pardiñas participara nunha xuntanza na Delegación Territorial da Xunta en Lugo”.

Nesta xuntanza, celebrada o pasado 12 de febrero, tratáronse as axudas ás entidades locais para a promoción da igualdade no ano 2019 convocadas pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, “polo que se decidiu facer o correspondente proxecto e presentar a solicitude a principios do pasado mes de marzo” indican, mentres agradecen que o goberno actual  continúe cos proxectos iniciados por Via. 

MANTEMENTO DE VÍAS. No pleno do venres, Via presentará tamén unha moción referida á falta de mantemento dos aproximadamente 60 km de estradas de titularidade provincial que percorren o concello, incidindo concretamente na tardanza dos desbroces durante o verán, provocando un perigo, non só para o tráfico, senón tamén para a propagación de incendios, ademais dunha mala imaxe para todos os visitantes que recibe Alfoz durante a época estival.

Por outra banda, e en vista de que non se tomou ningunha medida despois da moción presentada por Via Alfoz e aprobada por unanimidade no pleno de 24 de novembro de 2017, “queremos volver a recordar que as modificacións no trazado e anchura dalgunha destas vías nuns casos e a falta de mantemento noutros, fixo que algunha das pontes existentes sexan un punto perigoso tanto para o tráfico rodado como para os peóns”, indican desde Via, facendo alusións concretas ás Pontes de Bao e Centoi (Lagoa), á Ponte de Santa Mariña (Mor) e á Ponte de Pías (Adelán). 

0.18748998641968