VIA Alfoz renovou o seu grupo municipal

AMariñaXa
A Dirección Executiva de VIA Alfoz, ven de ratificar a decisión de renovar os membros do Grupo Municipal no Concello de Alfoz.
via alfoz novo grupo municipal agosto 2021
24 Xul 2021

A Dirección Executiva de VIA Alfoz, ven de ratificar a decisión de renovar os membros do grupo municipal no Concello de Alfoz. Así, Xabier Pardiñas Suárez e Carmen Geada Maseda, actuais membros do grupo municipal, deixarán paso a Efigenia Maseda Paz e Eliseo Lorenzo García. 

Segundo indica a Dirección Executiva de VIA Alfoz, “cumprida a metade da lexislatura, trátase de darlle participación a novos membros do partido nos órganos colexiados do Concello”. Subliñan ademais que a renovación se enmarca “nun contexto de absoluta normalidade, cunha transición ordenada e consensuada polo partido”. Ademais,  Xabier Pardiñas e Carmen Geada continuarán colaborando cos novos membros, saíndo así reforzado o grupo municipal.

Efigenia Maseda, Presidenta de VIA Alfoz, indica que “con esta rotación no desempeño das funcións de concelleiros estamos a afianzar a razón pola que xurdiu VIA na política local hai 6 anos. Alfoz necesitaba cambio e nese cambio participamos activamente” engadindo que “queremos seguir a participar, agora desde a oposición, pero sempre intentando poñerlles voz nos Plenos a todos os veciños e veciñas de Alfoz” recordando que “eles, cos seus votos, fixeron que tiveramos representación no Concello e nós temos o deber de seguir traballando para manter a súa confianza”.

Pola súa banda, Eliseo Lorenzo, número tres da candidatura de VIA Alfoz nas últimas eleccións, indica  que “gustaríame agradecerlle aos nosos compañeiros, Xabier e Carmen, o seu traballo inesgotable durante estes anos representándonos en primeira liña” engadindo que “dende VIA seguiremos propoñendo iniciativas para mellorar e satisfacer as necesidades da veciñanza. Alfoz é algo máis que o que levamos de lexislatura”.

Tanto Carmen Geada como Xabier Pardiñas manifestan que “foi unha grande honra e unha importante responsabilidade ser concelleiros en Alfoz”, engadindo ademais que “Efigenia e Eliseo aportarán, sen dúbida, sabia nova para a segunda metade da lexislatura, contando ademais neste novo período co noso total apoio e a nosa experiencia nestes últimos seis anos”.  

No Pleno que se celebrará este venres 23 de xullo, darase conta das renuncias dos Concelleiros saíntes, os cales se mostran moi críticos co actual Goberno Municipal “pola súa total inacción, pola falta de ideas que garantan o futuro de Alfoz e pola intransixencia á hora de ter en conta as propostas dos grupos da oposición. Sen dúbida catro anos perdidos para Alfoz”.

0.18144106864929