VIA Alfoz rende homenaxe ás mulleres cunha ofrenda floral no Castelo do Castrodouro

AMariñaXa
O acto reivindicou a loita pola igualdade e o papel fundamental das mulleres na sociedade
via-alfoz-8m-ofrenda-floral
8 Mar 2025

Este sábado 8 de marzo, Día Internacional da Muller, VIA Alfoz celebrou a súa tradicional ofrenda floral no emblemático entorno do Castelo do Castrodouro. O evento contou coa presenza da alcaldesa, Efigenia Maseda, e dos concelleiros independentes Eliseo Lorenzo e Judit Casabella, así como de numerosos veciños e veciñas que quixeron sumarse a esta xornada de lembranza e reivindicación.

A vicepresidenta de VIA Alfoz, Fernanda Casabella, foi a encargada de dar lectura ao manifesto, no que se destacou o longo camiño percorrido polas mulleres na defensa dos seus dereitos, así como os desafíos que aínda quedan por superar. Subliñouse a importancia de seguir avanzando cara a unha igualdade real e efectiva, lembrando que os dereitos das mulleres son dereitos de toda a sociedade.

Durante o acto, depositáronse doce caraveis brancos, un por cada mes do ano, como símbolo da necesidade de manter viva esta loita os 365 días. A cor branca das flores representou tamén a paz, recordando que a igualdade non debería ser unha batalla, senón unha realidade compartida por todas e todos.

Desde VIA Alfoz agradeceron a participación de todas as persoas asistentes e reafirmaron o seu compromiso coa igualdade e co recoñecemento do papel fundamental das mulleres en todos os ámbitos da vida.

0.1704740524292